As empresas municipais públicas ofrecen as mellores condicións para garantir unha atención social, económica e tecnolóxica á prestación do servizo da auga e do saneamento, ao garantir a participación e codecisión da cidadanía e a transparencia nas contas de resultados, non tendo que subir prezos ou descoidar investimentos para entregarlles beneficios aos accionistas privados.
Na nosa cidade, os datos non deixan lugar á dúbidas: cando hai beneficios os leva a parte privada e cando hai perdas témolas que sufragar con cartos públicos. Curioso xeito de que uns poucos accionistas privados gañen cartos a custa de toda a veciñanza de Ferrol. Dende a privatización do servizo o recibo da auga incrementouse en case un 25% e aínda así atopámonos con outro exercicio máis no que a empresa declara perdas.
Este ano a empresa presenta unhas contas nas que recoñece perdas por importe de 116.879 euros. Perdas que teremos que aboar con ingresos públicos municipais. Aínda así a proposta da parte privada é clara e antisocial: a suba do auga case un 14%, o que non semella aceptable cando sufrimos unha fonda crise e os salarios e as pensións se conxelan ou mesmamente baixan.
Dende que a empresa privatizouse repítese esta leria: os beneficios para os accionistas privados, e cando falan de perdas as pagamos todas e todos os habitantes de Ferrol. Basta xa dun reparto inxusto. É tempo dunha INICIATIVA POPULAR, e xa que logo,
CONVOCAMOS Á CIDADANÍA DE FERROL
PORQUE QUEREMOS QUE A VECIÑANZA DECIDA QUE MODELO DE XESTIÓN DA AUGA E DO SANEAMENTO VAI TER FERROL. Queremos que a nosa cidadanía exerza como tal e decida que modelo de xestión da auga e o saneamento quere para Ferrol.
Queremos empregar unha das ferramentas da democracia participativa, o novo REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ, para proceder a realizar unha INICIATIVA POPULAR, que consiste en que a veciñanza con dereito de sufraxio exerza o dereito de iniciativa popular presentando unha proposta de actuación nunha materia que é de competencia municipal, neste caso o servizo da auga.
EN DEFINITIVA, PORQUE A AUGA É UN BEN PÚBLICO FUNDAMENTAL, UN DEREITO HUMANO QUE NON PODE QUEDAR SUXEITA AOS CAPRICHOS DO MERCADO.
REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO DA AUGA
PORQUE QUEREMOS PRIMAR OS CRITERIOS DE SUSTENTABILIDADE E PEDAGOXÍA DO CONSUMO RESPONSABLE.
– Para integrar a dimensión ecolóxica no conxunto das actividades técnicas, científicas e administrativas vencelladas á prestación do servizo da auga e do saneamento.
– Para reinvestir os ingresos da empresa na súa totalidade na renovación das conducións e no saneamento, para evitar as perdas e minimizar os custos enerxéticos.
– Para producir e concienciar a prol dun consumo responsable.
– Para desenvolver unha sistemática pedagóxica acerca do valor da auga e da súa utilización( percorridos e visitas, actividades no edio escolar, etc. ).
– Para executar unha política de compras de carácter ético, que prime os dereitos sociais e laborais e mailo emprego estable.
PORQUE QUEREMOS UNHA POLÍTICA DE PREZOS DE CARÁCTER SOCIAL, QUE APLIQUE A PROGRESIVIDADE E IMPIDA A DESCONEXIÓN DOS FOGARES PRIVADOS.
– Para desenvolver unha política de prezos de carácter social.
– Para evitar subas nos recibos que teñan por obxecto darlle beneficios aos accionistas privados.
– Para formular unha política de bonos sociais da auga para as familias con rendas máis baixas.
– Para garantir que nengún fogar en dificultades económicas a causa da crise quede desconectado da prestación dun servizo público fundamental.
PORQUE AS VECIÑAS E VECIÑOS TEMOS QUE PARTICIPAR E CODECIDIR NA XESTIÓN E NAS DECISIÓNS FUNDAMENTAIS DA EMPRESA.
– Para que a nosa veciñanza participe e codecida sobre a xestión e as decisións fundamentais para a prestación deste servizo: prezos, renovación da rede, medidas sociais, consumo responsable, etc.
– Para desenvolver mecanismos de transparencia informativa sobre todas as cuestións vencelladas co subministro da auga e do saneamento.
– Para estabelecer fórmulas de partenariado social con outras poboacións do mundo que aínda non teñen garantido este dereito humano.