Remunipalización servizos

Ideoloxicamente EU sempre defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade, eficacia e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública que satisfagan as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.

Outro motivo é que as privatizacións, mal chamadas externalizacións polo PP e PSOE, son, como se está demostrando, o caldo de cultivo perfecto para a corrupción, pois favorecen, polos intereses privados o lucro, os subornos, tratos de favor, clientelismo…

É máis que obvio que a xestión pública beneficia a maioría da cidadanía, pois non busca o rédito económico senón que vela porque se presten servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria, e ademais promove para os traballadores públicos que levan a cabo a xestión condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración.

Por tales motivos, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende e defenderá a completa remunipalización de todos os servizos públicos privatizados, tanto no anterior goberno do PSdeG como no actual do PP.

Sendo o primeiro obxectivo, tal e como manifestaramos nas emendas aos anteriores orzamentos municipais, retomar a xestión publica do servizo da recollida, eliminación e tratamentos R.S.U., debido a que a concesión (privatización) outorgada a URBASER remata a finais de 2014, en lugar dun novo concurso privatizador como promove o Partido Popular.

Por último o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón, para o resto de privatizacións de servizos públicos, elaborar os pertinentes estudos de remunipalización para comprobar os pasos que se deben levar a cabo para acadar a necesaria xestión pública.

Relacionados