Reorganización administrativa

 

Días atrás os medios de comunicación facíanse eco das colas que colapsaban algúns dos servizos do Concello da Coruña como por exemplo o rexistro situado no Fórum Metropolitano que a pesares do esmero e dedicación dos empregados públicos atendendo unha media de 600 persoas diarias de maneira ininterrompida, os usuarios tiñan que realizar esperas de máis de dous horas. Esta situación debeuse principalmente a acumulación nesas datas de diversos trámites administrativos como a expedición da tarxeta de transporte Millennium, as becas de comedor, o volante de empadroamento, ademais das propias do rexistro como entradas de solicitudes, comunicacións e outros escritos dirixidos a calquera administración.

 

Esta evidente falta de planificación por parte do Goberno municipal é algo ao que, desgraciadamente, os coruñeses e coruñesas estamos acostumados. Máis non por iso deixa de ser unha eiva inaceptábel nun Concello que debe buscar a excelencia na atención á cidadanía.

 

Esquerda Unida propón un Plan de Reorganización Administrativa do Concello (PRAC) para mellorar a calidade dos servizos a cidadanía. O dito PRAC debe desenvolverse en dúas vertentes unha a mellora das tecnoloxías da información. É necesario implementar con urxencia a administración electrónica, e que esta chegue a meirande parte dos trámites administrativos que ten que desenvolver a veciñanza para desconxestionar as constantes colas dos rexistros municipais, ao tempo que se debe actualizar o sistema informático e a rede telemática do Concello para mellorar os tempos de resposta dos postos de traballo.

 

Por outra banda, é necesario redeseñar os fluxos de traballo do Concello e a reorganización dos servizos, para substituír, como sucede na meirande parte das administracións, as obsoletas estruturas xerarquizadas por outras que favorezan o traballo en rede de maneira cooperativa que permita maior implicación dos empregados e empregadas públicas. Máis se cabe cando na actualidade atopámonos cunha estrutura xerárquica en pirámide invertida que dificulta enormemente avanzar cara a excelencia demandada pola cidadanía.

 

 

 

En definitiva o grupo municipal de EU-V considera que é posíbel aumentar notablemente a eficacia do Concello si se desenvolve unha reorganización participada polos actores implicados e se incrementa o investimento en tecnoloxías da información. Así considera fundamental a participación dos representantes sindicais, habilitados nacionais, servizo de persoal e as diferentes direccións e xefaturas implicadas sen cada fase da reorganización.

 

César Santiso, indicou que trátase de valentía e vontade política para acometer unha reorganización necesaria, porque o Concello xa dispón dun persoal altamente cualificado.  

 

Santiso tamén indicou que a falta de interese dos distintos Gobernos locais en organizar eficientemente os servizos administrativos do Concello supoñen un grave prexuízo para os empregados públicos que teñen que suplir con vontade a falta de planificación e medios para atender a unha veciñanza descontenta co servizo, que en moitas ocasións descargan a súas iras contra eles, cando os culpábeis atópanse comodamente sentados en María Pita.

Relacionados