Repago comedores escolares

Esquerda Unida considera que o porcentaxe de familias que terán que asumir o pago dos comedores será moito maior que o comunicado polo Conselleiro de Educación. Unha vez máis, as familias coruñesas terán que facer fronte a un novo gasto nun servizo público esencial, precisamente nun contexto de avance da pobreza no que a comida servida nos comedores escolares é a principal fonte de alimentación de moitas nenas e nenos coruñesas cuxas familias están a sufrir os efectos da crise.

O goberno do PP presentou esta nova medida de recorte para as familias como unha medida distributiva, cando a realidade é que afectará a persoas con salarios baixos, prexudicándoas novamente no aceso a servizos educativos complementarios esenciais. A realidade é que o goberno do PP continúa coa súa política de privatización dos comedores públicos e de implantación dos chamados “caterings”, un servizo que ademais de implicar unha notable perda de calidade na alimentación dos máis novos, supón un incremento dos custes e unha diminución no consumo dos produtos locais. Neste curso, a consellería de educación anunciou a posta en marcha de 60 comedores a través de xestión indirecta mediante os “caterings”, a pesares de que a normativa establece que o modelo de xestión debe ser a xestión directa, salvo excepcións xustificadas.

Con esta medida serán as familias as que paguen cos seus cartos, a deficiente xestión deste servizo por parte da consellería de educación, para maior ganancia das empresas de restauración envasada. O incremento dos custes, a privatización do servizo e o repago son a triloxía do goberno do Partido Popular. Esquerda Unida defende a gratuidade do servizo de comedores para os usuarios dos mesmos, e considera que as medidas de progresividade se deben tomar no eido fiscal, facendo que os que teñen máis ingresos paguen máis impostos para así garantir uns servizos públicos de calidade.

Polo exposto, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha batería de preguntas para que o goberno municipal explique se ten pensado instar á Xunta de Galicia a manter a gratuidade dos comedores escolares nos centros de ensino públicos. A batería de preguntas é a seguinte:

– ¿Que opinión lle merece ao goberno municipal o anuncio da Consellería de educación de establecer o repago nos comedores escolares dos centros de ensino público?

– ¿Considera o goberno municipal oportuno que sexan as familias quen pague cos seus cartos a deficiente xestión deste servizo?

– ¿Ten pensado o goberno municipal instar á Xunta de Galicia para manter a gratuidade para os usuarios do servizo dos comedores escolares públicos?

– ¿Ten pensado o goberno municipal instar á Xunta de Galicia a efectuar unha xestión directa do servizo de comedores escolares nos centros de ensino públicos, de acordo co establecido no decreto 10/2007?

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”o repago dos comedores escolares, conduce á desaparición do servizo público educativo, prexudicando como sempre a cidadanía e beneficiando ás empresas privadas”.

Relacionados