Repago nos comedores escolares

“Esta medida, que o PP presenta como medida ‘redistributiva’, afectará en realidade a persoas con salarios baixos e prexudicaraas no acceso a servizos esenciais”, afirma o deputado Ramón Vázquez.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013.- O estabelecemento do repago nos comedores das escolas públicas é insolidario e inxusto. E unha nova volta de parafuso nas políticas contra a maioría social ditadas pola troika e aplicadas en Galicia polo PP de Feijóo. “A metade das familias terán que facer fronte a un novo gasto nun servizo público esencial”, explica o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Ramón Vázquez, “nun intre de avance da pobreza e cando a comida dos centros escolares é a principal fonte de alimentación de moitas nenas e nenos”. A medida que onte, no Parlamento, anunciou o conselleiro de Educación Jesús Vázquez fará que a maior parte das familias –moitas máis das que dixo Vázquez- pasen a pagar nos comedores escolares entre un e 4,5 euros.

O parlamentario Ramón Vázquez considera, ademais, que o repago, presentado polo PP como “redistributivo”, afectará “a persoas con salarios baixos, ás que prexudicará no acceso a servizos educativos complementarios esenciais”. Porque a realidade, engade, é que a estratexia de fondo da dereita consiste en privatizar os comedores públicos e substituílos polo denominados caterings. E isto suporá, a maiores, unha perda de calidade na alimentación dos alumnos e unha diminución do consumo dos produtos locais do sector agrogandeiro galego. Perden as familias, gañan as empresas de restauración envasada.

Para Alternativa, os comedores escolares deben ser gratuítos. As medidas de progresividade deben tomarse xusto onde o PP nunca quere facelo, no eido fiscal, e así os que máis teñen pagarán máis taxas e os servizos públicos universais serán de calidade. O repago nos comedores da escola pública é un paso máis na privatización do ensino público, escúdese o PP nas mentiras e medias verdades que queira.

Relacionados