Esquerda Unida lamenta que o goberno local desoia a advertencia do Tribunal Económico Administrativo Municipal sobre a dubidosa legalidade das modificacións no imposto de obras. Aqueles que constantemente se queixan das herdanzas do pasado, en referencia a sentenzas condenatorias por actuacións de anteriores gobernos do PSOE, agora pretenden incluír unha cantidade mínima de cobro no Imposto de Construcións Instalacións e Obras (ICIO), apesares de que o ditame do TEAM sinala “La introducción de un criterio objetivo para determinar un importe mínimo de la base imponible es de dudosa legalidad toda vez que la redacción del artículo 102 del TRLHL es muy clara al señalar que constituye la base imponible el coste de ejecución material de la construcción, instalación u obra”.
Ante tal obxección do Tribunal, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes esixiu durante a sesión plenaria deste martes que o executivo local emendase as ordenanzas fiscais ante os reparos formulados por parte do TEAM, para evitar así un posible ilícito tributario e as súas futuras repercusións no fisco.
Pero é que neste ditame tamén se fai referencia á tardía entrega de modificacións ao proxecto das ordenanzas fiscais que o executivo local enviou ao Tribunal. Precisamente indícase que se achegaron múltiples modificacións do texto inicial sendo a última o día 27 de setembro polo que o prazo de estudo do texto foi excesivamente breve, tres días, e non pode ser tan detallado como debería de ser. Neste sentido EU considera de extrema gravidade que o PP faga cos órganos corporativos o mesmo que fan coa oposición, é dicir entregar a información tarde mal e arrastro. Semella que ou ben, a transparencia carece de importancia para o PP coruñés, ou ben están a improvisar en temas de gran relevancia para a cidadanía, como son as ordenanzas fiscais.
Por último, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal parece actuar como un kamikaze obviando as advertencias sobre a ilegalidade de certas modificacións nas ordenanzas fiscais”.