Repetindo nomeamentos errados

Santiago de Compostela,  de 8 agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda lamenta que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas optase por nomear a Verónica Tellado como a nova directora xeral de Conservación da natureza en Galicia despois de ter demostrado ao longo da súa carreira profesional a súa falla de preparación en temas relacionados coa biodiversidade nos cargos ocupados con anterioridade e que fan albergar poucas esperanzas sobre a súa efectividade como máxima responsable deste departamento.

O goberno galego unha vez máis demostra a súa falla de preocupación real pola conservación do noso país e da nosa riqueza natural colocando en postos destacados a persoas que responden unicamente a intereses partidarios e de control que permitan que este departamento continúe servindo os intereses da minaría, da industria, política foresta, eólica… deixando a un lado a conservación e protección do medio ambiente.

A este nomeamento súmanse outras informacións que fan saltar a luz de alarma como é a reaparición do nome de Carmen Juliani para ocupar o cargo de subdirectora despois de  deixar clara a súa falla de capacidade neste departamento xa na época anterior ao Prestige. Entre o cadro de persoal deste departamento aparecen así mesmo outros nomes relacionados con supostas accións irregulares e corruptas como o xefe da delegación coruñesa, Carlos Muñoz, inmerso nun tema de licencias ilegais de caza e tamén implicado xunto co subdirector xeral, Roxelio Fernández, na voadura ilegal dos fondos da ría de Ferrol.

O departamento de Conservación da Natureza é a chave na conservación do patrimonio natural e no desenvolvemento sostible do noso país xa que todos os proxectos que teñan impacto medio ambiental teñen que contar coa aprobación deste departamento o que da idea da importancia de asegurar que conta con persoal cualificado e independente que responda unicamente aos interese de Galicia. Por este motivo, Alternativa Galega de Esquerda lamenta falla de recursos e de peso do departamento desde practicamente a súa creación deixando pasar todo tipo de aberracións medio ambientais que incumprían incluso a lexislación vixente. Un dos exemplos máis sangrantes é o catálogo galego de especies ameazadas que foi aprobado fai anos pero que quedou nun caixón sen se desenvolver. Deste xeito pódese dar a situación de que cando se poña en marcha, se é que se fai nalgún momento, xa non teña sentido xa que os proxectos aprobados ata entón aniquilarán xa a todas esas especies que precisan a día de hoxe ser protexidas.

 

Para Alternativa Galega de Esquerda o cese por parte do goberno galego do anterior director xeral, Ricardo García Borregón, non é suficiente tal senón que é preciso levar a cabo un traballo de rexeneración que garanta o bo funcionamento deste departamento e romper co xeito corrupto e interesado que mantén e que queda demostrado entre outras cousas pola contratación sempre das mesmas empresas que curiosamente sempre están vinculadas dalgún xeito ao Partido Popular.

Relacionados