Represión contra os mariñeiros

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013.- A represión aos traballadores intensifícase. Esta mañá os autodenominados antidisturbios cargaban contra os cefalopodeiros ás portas de San Caetano, en Santiago de Compostela. Os mariñeiros protestaban contra o novo decreto do polbo e a resposta da Xunta foi enviar á policía contra traballadores que defenden o seu traballo. “O PP acosa a flota de baixura”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “e emprega o delegado do Goberno para reprimir”.

Pero non foron os paus desta mañá os únicos que os Gobernos reaccionarios deron aos mariñeiros. Fajardo asegura que os métodos represores utilízanse con máis frecuencia da coñecida e que nos peiraos dáse un día si e outro tamén. “O exceso de celo e as medidas desmesuradas no control dos cefalopodeiros e de toda a flota de baixura contrastan coa permisividade noutras cuestións”, sinala o parlamentario de Alternativa, quen lembra, ademais, as nefastas actuacións do delegado do Goberno, Samuel Juárez, que “xa debería estar dimitido”. Juárez atópase á cabeza da escalada policial represora contra traballadores e activistas dos últimos meses en Galicia.

Fajardo reclama da conselleira de Mar, Rosa Quintana, unha xuntanza urxente do sector alén do Consello de Pesca para reparar o dano dun decreto, o do polbo, imposto de maneira unilateral polo Goberno galego e para procurar un acordo satisfactorio.

Relacionados