Esquerda Unida presenta unha moción de reprobación á alcaldesa de Quijorna por ceder un colexio público para expoñer simboloxía fascista. O colexio público Príncipes de Asturias de Quijorna, municipio de 3.000 habitantes gobernado polo Partido Popular, converteuse o pasado sábado nunha exposición–mercadillo onde se exhibían bandeiras preconstitucionais, pósteres do ditador Francisco Franco, cadros coa efixie de Xosé Antonio, fundador da Falanxe, esvásticas nazis, parches coa caveira emblema das SS Totenkopf…en definitiva, un variado de obxectos en honor e fervente apoloxía ao fascismo. O devandito mercadillo non so foi autorizado pola alcaldesa, senón que ela mesma participou nel.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes pretende que toda a corporación coruñesa condene a exaltación do fascismo, réxime ditatorial que so trae terror e dor á cidadanía, porque tamén é competencia deste Concello poñer os alicerces dunha convivencia en paz e liberdade condenando a exaltación do fascismo e lexitimando a democracia. Xa que logo, a parte resolutiva da moción indica:
Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña condena de forma expresa todos e cada un dos actos de exaltación do fascismo perpetrados en calquera zona do Estado e particularmente a actuación desenvolvida polo goberno local de Quijorna coa súa alcaldesa, Mercedes García, á cabeza.
Segundo.- Facer público este acordo no municipio a través das vías de comunicación ordinarias de que dispón o Concello, así como achegar este acordo a todos os membros da corporación do Concello de Quijorma.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “no último pleno o goberno municipal rexeitou unha moción en contra do terrorismo franquista, no caso de facer o mesmo con esta moción a veciñanza saberá que o PP coruñés defende aos réximes fascistas e ditatoriais”. Cabe recordar que o Comité da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (PACE) aprobou en Parides o 19 de marzo de 2006 unha proposta de condena internacional das graves e múltiples violacións de Dereitos Humanos cometidas en España polo réxime franquista, entre 1939 e 1975. Sinala o texto, que asegura que o coñecemento da historia é unha das condicións para evitar que se repitan os mesmos erros do pasado. Non debemos esquecer que Franco levou a cabo unha política de represión contra calquera individuo susceptible, segundo el, de constituír unha ameaza para o novo réxime.