eu.gif - 5.78 Kb

Contra a violencia machista

A Marcha Mundial das Mulleres nos convoca, e a área de Muller de Esquerda Unida chama a participarmos nesa convocatoria unitaria, a un acto que terá lugar mañán mércores, ás 20:00 horas, na praza de Armas. Hoxe corresponde expresar os nosos respetos á familia e ás amizades de Iria García Bouza.

 

Non debemos faltar porque todas e todos somos necesarios nesa loita incesante contra os vestixios patriarcais que aínda percorren actitudes e comportamentos e fronte os cales son claramente insuficientes as medidas legais e orzamentarias para enfrontalos. Insuficiencias que son tratadas con demasiada compracencia polas autoridades públicas  e que supoñen que teñamos que contar outra morte na listaxe interminable de mulleres feridas e asasinadas pola violencia machista.

 

A área de Muller de EU considera que cómpre reforzar os mecanismos de protección legal e incrementar os recursos económicos para derrotar a lacra da violencia machista; violencia que mantén unha sistematicidade que abrangue todos os eidos da vida social e que semella funcional para as dinámicas da acumulación capitalista. Patriarcado e capitalismo son unha ecuación perversa para loitar pola igualdade efectiva e real de mulleres e homes.

 

Esquerda Unida fai pois un chamamento a participarmos  nunha loita cotián na defensa da dignidade de sermos mulleres e de construír a igualdade nas nosas sociedades. Loita que require de recursos públicos, pedagoxía social e unha implicación suficiente das autoridades públicas para acadar as políticas públicas de igualdade axeitadas, que aínda seguimos a non ter.

Relacionados