Rescatando os servizos públicos

Dende Esquerda Unida coñecemos que, na contorna, hai unha serie de servizos que se ven afectados pola Lei 27/2013 do Estado, que retira as competencias aos concellos, e a Lei 5/2014 da Xunta de Galicia, e que contribúen a converter en chivo expiatorio da desfeita financieira ás administracións locais, outorgando máis poder a esas covas de caciqueo e clientelismo que son as Deputacións Provinciais. Respecto a isto, o compromiso de Esquerda Unida pasará por auditar o estado das contas dos concellos, a natureza da débeda pública e o grao de cumprimento dos servizos que estean externalizados e privatizados.

Neste sentido, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegura que “é a hora de rescatar os servizos públicos privatizados polo PP, nunha aposta por crear concellos transparentes, dinamizadores da economía local e creadores de emprego”.

“Temos claro que servizos tan básicos como a auga ou a enerxía son bens comúns e constitúen os dereitos humanos da cidadanía. É por iso que o seu acceso non pode estar sometido ao negocio e ao lucro do capital”, sentencia.

Respecto ao servizo da auga, dende Esquerda Unida propoñemos unha política de uso social, racional e sostible da auga, primando a eficiencia, o aforro ou a depuración integral. Neste senso, opoñémonos á privatización de calquera das fases do ciclo integral da auga e defendemos unha política de taxas e canons progresiva. Os servizos de auga teñen que ser sempre 100% públicos, polo que se rexeita o acceso de empresas privadas ao seu accionariado en calquera proporción.

Outra das medidas que se propón dende Esquerda Unida respecto á enerxía e a creación da Axencia Local de Enerxía, de carácter público, que regule todo o referente ao consumo de enerxía no concello. Tamén levaramos a cabo, nos concellos onde esteamos presentes, mecanismos de control social do recurso a través da participación cidadá.

En materia de residuos, Esquerda Unida defende a xestión pública dos residuos cun enfoque de recuperabilidade e reutilización. Opoñémonos á incineración de residuos do modelo SOGAMA e dicimos que debemos saír deste modelo. Tamén avogamos pola creación dun Plan de redución de residuos desde os concellos que abranguerá os eidos familiar, industrial e comercial.

 

Relacionados