Reseña Asemblea Birloque

Máis de medio centenar de veciños do Birloque, 2ª Fase Do Viña, Someso, As Rañas, Martinete, Lonzas ou Santo Cristovo Das Viñas participaron activamente na Asemblea de Barrio organizada por Esquerda Unida – Os Verdes.

 

Esquerda Unida comeza as súa iniciativa de participación cidadá cunha existosa asemblea de barrio no Birloque.

 

Abriu a Asemblea Ramón Mañana, presidente da AVV. Os Anxos que colaborou no desenvolvemento do acto, saudando ao numeroso público asistente e explicando que a súa asociación é apartidista pero para que as iniciativas do barrio cheguen ao Pleno do Concello é necesario que as presente algún grupo municipal, por iso invitou ao resto de forzas políticas a escoitar as súas demandas.

 

Ramón Mañana agradeceu ao grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes a atención e esforzos que están a dedicar para axudar ao barrio e afirmou que é o único partido político que se interesou polo barrio na última década, ao tempo que valoraba moi positivamente a iniciativa “os veciños e veciñas temos que loitar xuntos para defender o noso barrio porque é onde pasamos máis tempo e todos queremos un lugar agradable onde vivir. O que está a facer Esquerda Unida non o fixo ninguén antes, queren que o pobo teña dereito a decidir e iso hónraos”.

 

Posteriormente tomou brevemente a palabra o voceiro de EU-V, César Santiso, para explicar o desenvolvemento da Asemblea e os motivos que levaron a Esquerda Unida a desenvolver este tipo de actos. “Levamos anos pulando pola participación cidadá, conscientes da necesidade de fortalecer o tecido asociativo veciñal na procura de que os coruñeses e coruñesas adquiran maior capacidade de decisión sobre as políticas que inflúen directamente sobre as súas vidas. Dende que chegamos ao Concello tentamos incluír varias iniciativas relacionadas coa participación cidadá, mais o resto de grupos en María Pita mostraron un claro desinterese, semella claro que non teñen ningún tipo de interese en que podades ter capacidade de decisión no día a día da política municipal, tal e como demostraron o Goberno bipartito e o actual do PP que nin tan sequera desenvolveron o regulamento de participación cidadá, regulamento que tan so creouse polo imperativo legal derivado da lei das grandes cidades, pero que se está a incumprir na Coruña”.

 

César Santiso explicou o formato desta iniciativa “desenvolveremos unha Asemblea de barrio mensual, comezando por aquelas zonas que se atopan máis desentendidas, así as propostas máis apoiadas nas ditas asembleas as transformaremos en iniciativas no seguinte Pleno do Concello. Esquerda Unida conseguira que as denuncias, inquedanzas e suxestións aprobadas democraticamente polo veciños e veciñas chegarán a María Pita a través de mocións o preguntas do noso grupo municipal.

 

Santiso indicou que as Asembleas de barrio pretenden constituirse na semente dos orzamentos participativos aos que aspira chegar Esquerda Unida – Os Verdes, para que os veciños poidan elixir unha parte dos investimentos do seu barrio de maneira democrática, porque “quen mellor que os propios veciños para identificar as necesidades do seu barrio. Mais para chegar aos ditos orzamentos debemos, todos e todas, adquirir a experiencia necesaria para xuntarnos, debater, consensuar e tomar decisións colectivas”.

 

O voceiro de EU-V explicou como é o protocolo do procedemento “primeiro xuntámonos coa AVV. logo facemos unha visita guiada ao barrio para que os veciños e veciñas nos amosen “in situ” os seus problemas e así, poder visualizar as súas queixas, posteriormente desenvolvemos a Asemblea de barrio e trasladamos ao Pleno do Concello as iniciativas alí consensuadas. Por último deixamos un tempo prudencial para que actúe o Goberno municipal e repetimos a visita ao barrio para fiscalizar a acción do goberno municipal e controlar a execución das demandas solicitadas democraticamente na asemblea veciñal. No caso de que os problemas non estean resoltos o denunciaremos publicamente e desenvolveremos novas iniciativas municipais. A veciñanza pode ter a absoluta seguridade de que pularemos pola execución das súas demandas.

 

Posteriormente a veciñanza debateu por espazo de máis de dous horas os principais problemas dunha zona que ten unha poboación de uns 14.000 habitantes, resultado do cal o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presentará no seguinte Pleno do Concello 13 iniciativas que democraticamente aprobou a veciñanza para mellorar as condicións do barrio. De entre as propostas debatidas destacan as encamiñadas a resolver os problemas de seguridade viaria, a deficiencia en canto a mobilidade e transporte público colectivo, o estado de abandono en canto a mantemento ou seguridade cidadá, a falta de equipamentos para rapaces e persoas da terceira idade sendo unha zona onde ambos colectivos teñen grande incidencia ou a rehabilitación de edificios que se atopan en grave estado de deterioro.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, a petición dos veciños e veciñas comprometeuse a desenvolver unha nova Asemblea de Barrio no Birloque en dous meses para dar conta do avance das iniciativas.

Relacionados