Residencia de educación social

Esquerda Unida propón a creación dunha residencia de educación social na Coruña que incorpore ao mercado laboral aos universitarios do ramo. Esta proposta viría a complementar o traballo desenvolvido polos profesionais dos Servizos Sociais no ámbito municipal, mellorando tanto a súa atención como o propio ámbito de actuación, polo que redundaría en máis e mellores servizos sociais para os coruñeses.

Apostamos pois por unha combinación que posibilite incorporar ao mercado laboral aos e ás titulados/as, e por outra, a través dun máster de residencia dun mínimos de dous anos de duración, facer o posible porque os estudos de Educación Social teñen o seu período de especialización, coma acontece cos estudante de medicina, a través dun convenio co Concello, que aportaría recursos e especialistas, incrementando así a súa capacidade de actuación.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta a que o concello estreite lazos coa universidade a través dun convenio coas facultades de Educación Social, tanto da UDC como da UNED. Con esta idea, buscamos achegar os estudos de educación social á practica, nun traballo conxunto de formación entre formadores da UDC, profesionais do ámbito do servizos sociais, e alumnado, quen con esta especie de máster de especialización, terían a posibilidade de poñer en práctica todo o traballo intelectual desenvolvido ao longo dos seus estudos universitarios, comprobando as diferenzas entre teoría e práctica, á vez que ten unha experiencia laboral remunerada.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a creación desta residencia, coma acontece cos hospitais universitarios, serviría para introducir no mercado aos titulados, achegándose a esa excelencia na formación pola que compiten as universidades”. Complementaria tamén os déficits no ámbito dos servizos sociais que poida haber na actualidade, fomentando un entorno colaborativo entre formación e práctica que só pode levar beneficios para todos, profesionais dos SS e docentes da UDC, que estarían sempre actualizados, alumnado que co seu primeiro contrato comprobaría a posta en práctica da súa profesión, e xa por último, para os colectivos atendidos, que traballarían con xente nova e con ganas de innovar na atención, e que incorporarían no traballo técnicas recen aprendidas. Os resultados globais resultan moi favorables, tal e como xa se ten amosado en diferentes proxectos desenvolvidos noutros países con mellores rateos neste ámbito de atención municipal.

Relacionados