Residencia militar de Esteiro

Esquerda Unida pide ao Alcalde que cumpra a súa obriga e impida que se consume o engano á cidadanía mediante unha ocultación deliberada das intencións.

O grupo municipal considera que é de interese público a súa desafectación inmediata e iniciar as negociacións tendentes ao seu uso como residencia universitaria.

O grupo municipal de Esquerda Unida quere denunciar a actitude especulativa do Ministerio de Defensa, ao estilo dos voitres financeiros,  que na procura de tirar beneficios de onde sexa ten pensado vender a residencia de oficiais de Esteiro, edificio anexo ao cuartel de Dolores para financiar as guerras disfrazadas de operacións humanitarias. De consumarse a operación non sería unha novidade xa que as instancias burocráticas do Ministerio dedicadas a levar os cálculos económicos e  números contables que rexistran a venda do patrimonio inmobiliario non teñen por qué preocuparse das necesidades de Ferrol. Pero o señor Alcalde si. Ou, cando menos, debería.

Para Esquerda Unida o señor Alcalde debería cumprir as súas obrigas co cargo que ostenta e impedir que se consume a operación de venda ou desafección. Non estaría mal que, de paso, procedera a explicar o conxunto do  convenio que se trae entre mans e que vai ofrecendo por entregas, segundo lle convén, e ao servizo da máis sectaria das estratexias propagandísticas. Quizais sexa moito pedir…

En todo caso, para Esquerda Unida está fóra de toda lóxica que a residencia militar anexa ao cuartel de Dolores pase a ser desafectada para ser vendida e adicada a outro uso que non sexa o dotacional universitario. O uso lóxico é o de residencia universitaria, cousa que este grupo vén xa demandando dende hai anos. Fai contexto con isto a oposición que xa manifestamos ao disparate que hoxe teno nome de residencia de estudantes da UDC,  e ao engano chapuceiro denominado “futuro campus da saúde” radicado no Novoa Santos. Pasará a historia universitaria a creación dunha malchamada residencia, con 19 tristes prazas e por un prazo conveniado de dous anos.

Esquerda Unida xa  reivindicou  no contexto dunha  necesaria  ampliación dos espazos da universidade pedida pola propia comunidade universitaria e autoridades académicas que   o cuartel de Dolores xunto cos espazos conexos da residencia de oficiais foran os elementos que garantiran a ampliación da universidade no corazón da cidade e á beira de Navantia porque é alí á beira de Navantia e a carón da Escola Superior de Enxeñería, alí onde se imparte, entre outras , a titulación de Enxeñería Naval e Oceánica,onde hai que facer determinados investimentos de futuro. Investimentos con lóxica, razoables pero tamén racionais

Esquerda Unida desenvolveu e  volverá a facelo unha batería de iniciativas no Congreso dos Deputados na procura de conseguir a desafectación de toda a  serie de instalacións militares  radicadas na zona de Esteiro e que deberían de servir para ampliar a universidade. Comezaremos, por suposto, coa residencia militar.

Aparte das esixencias que poida haber desde o punto de vista académico e funcional é importante tamén as consideracións de tipo económico. Aquí hai que preguntarlle aos campións da eficiencia, eficacia,e todo o demais: resulta eficiente manter  ad futurum unha residencia separada do único campus consolidado en canto a servizo e variedade de  titulacións? Non importa a racionalización do diñeiro público neste caso? Non é importante a proximidade a servizos esenciais como a estación de autobuses ou a de ferrocarril? Non ten interese o feito de que esta edificación estea situada no corazón do único espazo que, con investimentos axeitados, debería ser o motor que impulsara a necesaria rexeneración dun renovado sector naval?

Esquerda Unida cre que a recuperación de emprego non pode pasar pola precariedade, a temporalidade e o crecemento polo sector servizos, nunha cidade que leva no seu cerne a industria, a lóxica impón unha continuidade, por ter as infraestruturas, os coñecementos, e  a potencialidade para ser o referente industrial de Galicia. E para acadar este obxectivo faise imprescindible vincular a formación universitaria á industria, ao desenvolvemento de I+D+i e de tecnoloxía, que non faga depender o sector naval das patentes norteamericanas e permita unha competitividade que a dirección de Navantia se encarga de demoler. Esa é a dirección para unha recuperación sólida e non a contraria, a vía morta que teima en coller o Partido Popular, coa cooperación necesaria do alcalde de Ferrol.

Relacionados