Residencias de maiores, de persoas dependentes e menores, precisan medidas de carácter urxente

Os traballadores e traballadoras da consellería de Políticas Sociais, tanto dos centros de maiores, de dependentes e de menores, están traballando sen equipos de protección individual, esta é a situación  real na que se atopan a día de hoxe.

“Nunha situación extrema como esta, a Consellería debe tomar medidas ao respecto para solventar a situación así o trasladaremos a través da Deputación permanente do parlamento” manifesta Eva Solla.

Tras o positivo declarado nunha residencia de maiores en Caldas, consideramos imprescindible que tanto nas residencias públicas como privadas se tomen medidas en materia de prevención de riscos laborais para o persoal , pero tamén se deben tomar medidas de prevención de contaxios entre  as e os usuarios destas residencias, para evitar a expansión tanto de traballadores a usuarios como á inversa.

Por todo isto, a Xunta de Galicia debe tomar medidas de maneira urxente neste senso, tanto dende a consellería de Políticas Sociais como dende a consellería de Traballo que é a responsable da seguridade e da saúde laboral e preventiva dos traballadores destes centros.

Levamos máis dunha semana insistindo na necesidade inmediata de tomar medidas que eviten a propagación de contaxios  polo que daremos traslado a través da Deputación Permanente para que se tomen medidas de carácter urxente e aplicación inmediata  para frear os posibles contaxios.

 

Relacionados