Reseña Asemblea Ventorrillo

Esquerda Unida – Os Verdes prosegue coas asembleas de barrio que está a desenvolver por toda a cidade da Coruña, cumprindo coa súa promesa de actuar como correa de transmisión da veciñanza e o Concello.

 

Nesta ocasión, Esquerda Unida desenvolveu unha exitosa Asemblea de Barrio ante máis de medio centenar de veciños e veciñas do Ventorrillo, que participaron activamente nunha asemblea que se prolongou por espazo de tres horas.

 

Abriu a asemblea Ana Oreiro, presidenta da Plataforma do Ventorrillo, agradecendo a iniciativa de Esquerda Unida e dando conta da situación actual na que se atopa Penamoa logo do desmantelamento das derradeiras chabolas, informou da existencia de varios puntos de venta de droga e das continuas queimas ilegais. 

 

Posteriormente tomou brevemente a palabra o voceiro de EU-V, César Santiso, para explicar o desenvolvemento da Asemblea e os motivos que levaron a Esquerda Unida a desenvolver este tipo de actos. “Levamos anos pulando pola participación cidadá, conscientes da necesidade de fortalecer o tecido asociativo veciñal na procura de que os coruñeses e coruñesas adquiran maior capacidade de decisión sobre as políticas que inflúen directamente sobre as súas vidas. Dende que chegamos ao Concello tentamos incluír varias iniciativas relacionadas coa participación cidadá, mais o resto de grupos en María Pita mostraron un claro desinterese, semella claro que non teñen ningún tipo de interese en que podades ter capacidade de decisión no día a día da política municipal, tal e como demostraron o Goberno bipartito e o actual do PP que nin tan sequera desenvolveron o regulamento de participación cidadá, regulamento que tan so creouse polo imperativo legal derivado da lei das grandes cidades, pero que se está a incumprir na Coruña”.

 

César Santiso explicou o formato desta iniciativa “desenvolvemos periodicamente Asembleas de barrio, comezando por aquelas zonas que se atopan máis desentendidas, así as propostas máis apoiadas nas ditas asembleas as transformamos en iniciativas para levar ao Pleno do Concello. Esquerda Unida conseguira que as denuncias, inquedanzas e suxestións aprobadas polo veciños e veciñas chegarán a María Pita a través de mocións o preguntas do noso grupo municipal.

 

Santiso indicou que as Asembleas de barrio pretenden constituírse na semente dos orzamentos participativos aos que aspira chegar Esquerda Unida – Os Verdes, para que a cidadanía poida decidir unha parte dos investimentos do seu barrio de maneira democrática, porque “quen mellor que os propios veciños para identificar as necesidades do seu barrio. Mais para chegar aos ditos orzamentos debemos, todos e todas, adquirir a experiencia necesaria para xuntarnos, debater, consensuar e tomar decisións colectivas”.

 

O voceiro de EU-V explicou como é o protocolo do procedemento “primeiro xuntámonos coa AVV. logo facemos unha visita guiada ao barrio para que os veciños e veciñas nos amosen “in situ” os seus problemas e así, poder visualizar as súas queixas, posteriormente desenvolvemos a Asemblea de barrio e trasladamos ao Pleno do Concello as iniciativas alí consensuadas. Por último deixamos un tempo prudencial para que actúe o Goberno municipal e repetimos a visita ao barrio para fiscalizar a acción do goberno municipal e controlar a execución das demandas solicitadas democraticamente na asemblea veciñal. No caso de que os problemas non estean resoltos o denunciaremos publicamente e desenvolveremos novas iniciativas municipais. A veciñanza pode ter a absoluta seguridade de que pularemos pola execución das súas demandas.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presentará cerca dunha vintena de iniciativas plenarias achegadas pola veciñanza do Ventorrillo para mellorar as condicións do barrio e rematar coas actividades delictivas que se producen no barrio e nomeadamente en Penamoa como tráfico de drogas, queimas ilegais e roubos. Logo dun intenso debate cheo de suxestións e achegas por parte da veciñanza que se amosou francamente satisfeita coa posibilidade de que as súas inquedanzas cheguen ao salón de plenos de María Pita.

 

Finalmente o voceiro de EU-V, César Santiso a petición da veciñanza comprometeuse a desenvolver unha nova asemblea para dar conta do avance das iniciativas desenvolvidas polo grupo municipal no Concello, diante dunha cerrada ovación dos asistentes que valoraron moi positivamente a iniciativa asemblearia promovida por Esquerda Unida.

Relacionados