Datos da EPA

277.440 persoas no paro: menos emprego, menos cotizacións á seguridade social, máis pobreza e máis precariedade. O mapa que deixa a enquisa do último trimestre do 2012 é un indicador claro da destrución de emprego á que nos somete un goberno que practica políticas fracasadas para saír da crise-estafa do sistema capitalista. En todo o estado preto de 6 millóns de persoas están en paro.

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que é obrigado un cambio de política ou un cambio de goberno. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) a taxa de paro chegou en decembro de 2012 ao 21,28% un aumento de case un 16% con respecto á tasa do ano anterior. É preciso neste momento de emerxencia social,  mudar as políticas e gobernar para a cidadanía que é quen define as necesidades reais dun país. Os mercados, o poder dos despachos, os especuladores, banqueiros e ladróns sociais, camelan a un goberno codicioso e obediente de controlar ao pobo a través da miseria e dos recortes económicos e ideolóxicos.

“O PP goberna para os Bárcenas e Baltares e contra a maioría traballadora do país”, sentenza Yolanda Díaz coordinadora nacional de Esquerda Unida. Ante datos como que en menores de 25 anos a tasa de paro ascende de 38,12% ata un desolador 48,40%, a coordinadora e deputada de Esquerda Unida lamenta que unha vez máis este país dicte a emigración como saída “laboral” á nosa mocidade.

Con estes datos e cunha porcentaxe de paro anual en Galicia que supera á do estado español, xunto cunha medra de máis do 3% no último trimestre, temos que aturar a arenga de Feijóo coa que pretende situar ás súas política e a Galicia como vangarda nas medidas aplicadas para a recuperación de emprego.

Un goberno de moqueta que practica políticas fracasadas para saír da crise, adoece de lexitimidade para continuar con ataques privatizadores contra os servizos públicos e os dereitos sociais e laborais.

Por todo isto, Esquerda Unida propón a derrogación desta reforma laboral que precariza e destrue emprego, así como tamén apostamos por mudar o modelo económico especulativo por un modelo económico sustentable e social que responda ás necesidades reais das persoas e non dos mercados.

 

Relacionados