Retirada do decreto do galego

A ofensiva do Partido Popular contra o galego, unha tradición de antigas raíces no ADN da dereita, vén de topar cun novo revés xudicial. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza en que lembra á Xunta do señor Núñez que debe retirar inmediatamente as enquisas ás familias sobre as linguas, fundamento da súa estratexia galegófoba na escola. O Superior advirte que, de non facelo, terán que se enfrontar a sancións económicas, ademais de a cumprir o fallo do tribunal. Para os deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez e Xabier Ron, o que debe facer a Consellaría de Educación é “retirar o decreto que eles chaman o decreto do plurilingüismo, a primeira norma que fixo retroceder ao galego no ensino dende a caída do franquismo, e negociar un novo a partir do Plan de Normalización de 2004”. Dende este momento, ademais, o conselleiro responsábel da desfeita, Jesús Vázquez, suma unha nova vergoña ao seu lamentábel fardel de actuacións.

Segundo AGE, a única saída que lle queda ao PP e á Xunta que encabeza consiste en abandonar os embustes sobre o idioma propio de Galicia, o falso discurso sobre unha presunta imposición do galego e as teses extremistas recollidas en grupúsculos residuais sobre a persecución do castelán. A partir dese mínimo e da retirada do actual decreto –impugnado pola cidadanía e múltiples manifestacións e, nun dos seus fundamentos básicos, polo Tribunal Superior-, negociar coa comunidade escolar, os axentes sociais e cos partidos da oposición parlamentaria unha nova normativa sobre o galego na escola. A única vía posíbel e lexítima, insisten Vázquez e Ron, “é volver ao Plan de Normalización que en 2004 aprobou o Parlamento de Galicia. O problema do galego é que non está en igualdade de condicións co castelán, como din os embustes do PP, senón en inferioridade. O noso deber é corrixir esta inxustiza histórica”.

Relacionados