O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”Someso, edificio de Fenosa ou Marineda City son claros exemplos da cultura do pelotazo urbanístico que fomentou Paco Vázquez e que provocaron a herdanza dunha cidade que se caracteriza por un urbanismo e mobilidade caóticos”. Non cabe dúbida de que a cidade progresou moito durante o seu mandato, mais tamén é certo que durante esta época de crecemento económico os dispendios na xestión municipal do PSOE foron enormes. Non hai máis que recordar contratos blindados con empresas concesionarias, claramente lesivos aos intereses municipais como o da Compañía de Tranvías ou a concesión da ORA e grúa a corrupta Vendex que lle custa aos coruñeses máis de 600.000 euros anuais ou actuacións desabelladas e improcedentes como o custoso e deficitario Tranvía Turístico ou o elevador e miradoiro de San Pedro que producen perdas anuais próximas aos 370.000 euros.
Esquerda Unida considera que Francisco Vázquez non merece ningunha distinción logo dos distintos escándalos urbanísticos acontecidos durante os gobernos do PSOE cando era alcalde. Tan so temos que reler o informe da instrutora do caso Someso, que cita ao exacalde como máximo responsable, para comprender a nosa posición. Así recordamos a inexplicable sucesión de eivas que provocaron unha perda patrimonial de 19,2 millóns euros do que se beneficiaron promotores como Fontenla así como diversas familias coruñesas que obtiveron beneficios millonarios, uns vendendo terreos ao concello que xa eran do propio concello, outros sacando pingues beneficios na permuta de terreos co ente municipal grazas a erróneas interpretacións de convenios por parte do Concello, como os 7 millóns perdidos no convenio coa familia Yordi Catoira. Si a estes auténticos escándalos sumamos as indemnizacións pola reclasificación irregular de terreos, a erosión patrimonial supera os 32 millóns de euros
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para instar ao goberno municipal a que inicie os trámites para retirar o nome de Francisco Vázquez ao paseo marítimo e restitúa a súa denominación por zonas o que ademais de facer xustiza, semella moito máis practico pois facilita a localización dos distintos tramos do paseo.