A exigua capacidade do palco de invitados do salón plenario de María Pita choca frontalmente co carácter público das sesións plenarias do Concello e supón un importante freo de cara a transparencia e a participación cidadá.
Esquerda Unida propón que os Plenos do Concello se retransmitan en directo a través da páxina web municipal. A devandita proposta presentase en formato de moción coa seguinte proposta de acordo:
O Pleno do Concello da Coruña, en base a criterios de transparencia e participación cidadá, insta ao Goberno municipal a retransmitir en directo os Plenos do Concello a través da páxina web municipal, toda vez que a devandita retransmisión non supón custe adicional xa que na actualidade xa se están a gravar en circuíto pechado.
O grupo municipal de EU-V considera que a retransmisión dos plenos non supón custos adicionais pois na actualidade xa se está a gravar en circuíto pechado, o proceso sería tan sinxelo como incorporar o que as cámaras capta cara unha ferramenta web de contido gratuíto do tipo USTREAM TV e engadir unha ligazón na páxina do Concello. Este foi o sistema utilizado por Esquerda Unida nas súas asembleas de barrio.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “con esta medida avanzaremos en transparencia e participación cidadá, os poderes públicos ten a obriga de aplicar medidas que fomenten o achegamento da veciñanza ás institucións”.