Reurbanizar a rúa Alonso López

Esta rúa se inclúe nas obras previstas no plan Urban, conquerido no mandato anterior. A actual situación de deterioro e abandono da rúa supón un problema para a veciñanza de Canido en particular, que sufre a parálise ineficaz do Goberno Municipal.

A nosa veciñanza contempla con preocupación como o Goberno Municipal apenas fai outra cousa que pór multas nesa rúa en troques de proceder a arranxala como demanda o seu estado actual, que esixe unha acción urxente do Goberno para reurbanizala, segundo se contempla nas previsións do Urban.

Hai que salientar que nas previsións deste Goberno da dereita se contemplaba  que no ano 2012  se reacondicionaría o eixe de comunicación da rúa Alonso López, circunstancia que hoxendía dista de terse cumprimentado. Atopámonos, xa que logo,  cun evidente exemplo do mal quefacer público do Goberno Municipal, que semella non ser quen de realizar unha xestión eficaz e eficiente duns recursos conqueridos no mandato anterior. Unha pésima xestión, tinguida do sectarismo que desbota os proxectos xa elaborados, leva a actual situación, descrita no informe de seguimento do Urban desta primavera pasada, que recolle os datos máis preocupantes:  entre eles  o do gasto certificado acumulado que non chega ao millón de euros ( 947.797,46 euros ) ao remate de 2011, que delata o moi baixo grao de execución sobre o total do gasto total programado, un 8,53%.

O Goberno Municipal ten que reaccionar para acelerar os traballos que permitan cumprir o conxunto da ambiciosa programación recollida no Urban, a cal nun contexto de recesión acada aínda un valor cualitativo superior. Os atrasos de todo o programa poñen en risco severo a consecución do financiamento previsto no Plan Urban. O Goberno de Rey Varela está a batir récords de parálise no que atinxe a desenvolver o amplo abano de actuacións que contempla a programación do Urban.

Esquerda Unida desenvolverá un seguimento particularizado as obras do URBAN, ao obxecto de propiciar un cambio de actitude no Goberno do PP. Ese cambio  que demandamos, para seren un Goberno eficaz e atento ás demandas e necesidades da cidadanía, sería acollido con satisfacción pola nosa veciñanza.

 

Relacionados