Revalorización das pensións

“Vostedes mentiron porque Rajoy asegurou que non ía subir as pensións”, afirma o deputado Juan Fajardo, “e meten a man no fondo da Seguridade Social para xogar á ruleta da débeda”.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013.- Unha moción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que asumiu as emendas de PSdeG e BNG pero que finalmente foi rexeitada pola dereita no pleno do Parlamento, esixía á Xunta que reclamase ao Goberno central a revalorización das pensións. “O oitavo mandamento di que non levantarás falso testemuño e non mentirás”, espetou ao PP o deputado de AGE Juan Fajardo, “e vostedes fixérono, porque Rajoy dixo que non ía tocar as pensións. E non cumpriu”. “É máis, Rajoy dixo que se votaban á esquerda, ían subir até as ‘chuches’. Pois ben, Rajoy tamén subiu as ‘chuches’, porque subiu o IVE”, engadiu.

Fajardo realizou un repaso polas consecuencias das brutais políticas de recortes ditadas pola troika ao PP, tamén en Galicia. Para iso, en homenaxe ao presidente falecido de Venezuela Hugo Chávez, afirmou que na Cámara galega “ole a sofre, ao sofre do FMI e da Unión Europea, que fan polítcas para que baixen as pensións, neste país as máis baixas do Estado”. Ese que conducen a Galicia a que os maiores teñan que pagar as medicinas ou o transporte médico non urxente, ou a que se pague máis contibución urbana “nas casas deses pensionistas ás que lles reducen a pensión onde ademais viven os seus netos ou fillos despedidos coa reforma laboral do PP”.

Para Alternativa, que o PP aceptase esta moción significaría que a Xunta de Feijóo lle diría a Rajoy “que non, que por aí non se vai a ningures e que cunha nova política tributaria pódese compensar o que perderon os pensionistas”. Pero non puido ser. Porque, como lembrou o parlamentario Fajardo, “o PP galego non levantou a man cando Rajoy meteu a man na caixa da Seguridade Social para xorgar no casino da débeda”.

Relacionados