ferrol.gif - 5.79 Kb

Revolución cultural

 

 

 Suso Basterrechea, coordinador do grupo de traballo que vén de elaborar o programa de cultura, e Yolanda Díaz, primeira candidata á alcaldesa, avanzarán,  este vindeiro martes en Cazadores,  as liñas de actuación fundamentais que inspirarán a acción cultural do próximo mandato municipal.  Un conxunto de iniciativas e proxectos que estamos certos que van transformar o panorama cultural de Ferrol, desenvolvendo unha pequena   revolución cultural neste eido.

 

Esquerda Unida sabe o que quere facer, temos as ideas e propostas e queremos poñelas en práctica. Moitas e feraces son as propostas das que daremos conta no serán de mañá martes. Xa amosamos no breve período en que tivemos responsabilidades de goberno neste mandato que soubemos cambiar para ben a dinámica cultural da cidade con propostas anovadoras, planificación a longo prazo, alento pedagóxico, descentralización cultural e a posta en marcha dunha política participada co tecido cultural da cidade.

 

Un acto público distinto e innovador permitirá tamén escoitar o latexo ético e político dun dos grandes da poesía e o ensaio. Poeta e catedrático de literatura, ensaísta e home comprometido cos valores e propostas de Esquerda Unida, Luís García Montero, falaranos das ligazóns que xunguen á esquerda coa cultura.  Verbas nidias e certeiras para ler e empregar a cultura como ferramenta de rebeldía, como desencadeante de revolucións interiores que suman nunha alquimia social que fai da cultura crítica unha ferramenta de transformación social.

 

Esquerda Unida quere animar a todas as persoas interesadas pola cultura en Ferrol a que non deixen de pasarse por Cazadores, a partires das 20:30 horas, para coñecer e charlar do que coidamos é unha proposta alternativa para o porvir da nosa cidade. No transcurso do acto aproveitaremos para repartir unha separata co resumo das principais liñas estratéxicas de actuación.

Relacionados