Rexeitamento comedores escolares

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que o goberno local pretenda enganar á cidadanía, presentando os campamentos de verán como solución á malnutrición infantil dos cativos e cativas das familias que pasan apuros económicos, cando estes campamentos non son coñecidos por moitas familias e posúen unha duración que vai dende os 12 aos 15 días, moi lonxe da nosa proposta de cubrir tres meses do verán. Ademais consideramos que se oferta un reducido número de prazas mentres teñen unha moi elevada demanda, o que exclúe a moitos rapaces. Aínda que todas as prazas ofertadas foran para as familias en risco de exclusión social, non chegaría para cubrir as necesidades alimentarias de todos os rapaces, moito menos as cubre o 20% de prazas reservado a persoas inscritas en programas sociais.

Asemade, EU denuncia que o goberno municipal desvía a atención do problema coa súa proposta, xa que tamén limita o acceso a unha comida digna para os cativos das familias que pasan apuros económicos mediante a burocracia ao tempo que obriga as AMPA’s a realizar unha función de intermediación en época estival que é cando as asociacións teñen menos actividade e voluntarios, coa clara intención de reducir o número de demandas e facer cargar sobre as costas de asociacións privadas sen ánimo de lucro, a responsabilidade do alcalde de asegurar que ningún nin ningunha rapaza coruñés pase fame.

Esquerda Unida considera inhumano que Negreira se negue a proporcionar alimento a todos os rapaces e rapazas que o necesitan. Habería que lembrarlle ao Sr. Negreira que os nenos comen tódolos días, e non tan só naqueles nos que tiveron a sorte de seren seleccionados para os campamentos. Esta dantesca situación, onde o goberno municipal rexeita atender o dereito universal de acceso a unha alimentación básica aos rapaces, queremos pensar que por a súa incapacidade manifesta de xestión, podería terse resolto fai tempo si o PP tivera aceptado a nosa proposta de crear unha rede de comedores sociais municipais a prezos económicos e con axudas para os máis necesitados, espallada por todos os barrios coruñeses. Unha acción que aínda que non soluciona o problema da exclusión social e as penurias económicas de moitas familias, evita que estas persoas teñan que recorrer á caridade ou que os seus fillos e fillas queden condeados a pasar fame, como semella que pretende facer o Sr. Negreira, máis preocupado en inaugurar grandes obras e realizar custosos festexos que na alimentación das e dos rapaces.

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal debe asumir dunha vez a súa responsabilidade e dar unha resposta pública certeira a esta situación, en lugar de poñer “tiritas” que tan só derivan as persoas en situación de emerxencia social á beneficencia das entidades privadas”.

Relacionados