Dito evento, segundo o executivo local, consistiría nun conxunto de actos en vivo organizados co propósito de lograr unha maior interacción entre a cidadanía e os negocios, e conseguir atraer a potenciais consumidores da cidade e zonas limítrofes.
Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal infrinxe a lei de igualdade de homes e mulleres utilizando lemas sexistas e retrógados na campaña “Coruña Wapa”, como por exemplo: “Antes muerta que sencilla” “La belleza está en el interior del vestidor”. Resulta intolerable que dende a Administración pública local se fomenten roles sexistas baseados en estereotipos e clichés heteropatriarcais facendo uso dunha publicidade completamente ilícita.
A lei 7/2004, de 16 de xullo, para a igualdade de homes e mulleres establece que as Administracións deben velar por unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes na sociedade e promover o coñecemento e difusión do principio de igualdade entre mulleres e homes. Así, segundo o artigo 13 da mencionada lei, a Administración garantirá a utilización non sexista da linguaxe e/ou imaxes especialmente no ámbito da publicidade. Xa que logo, resulta que o PP da Coruña malgasta cartos públicos incumprindo a lexislación vixente e colaborando activamente cun réxime patriarcal que denigra á muller.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o pleno municipal amose o rexeitamento á publicidade sexista da campaña municipal “Coruña wapa”, cuxa parte resolutiva establece:
Primeiro.- Mostrar un firme rexeitamento á campaña “Coruña Wapa” e a calquera tipo de publicidade sexista.
Segundo.- Mostrar un compromiso firme e decidido pola igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Terceiro.- Facer público este acordo no municipio a través das vías de comunicación ordinarias de que dispón o Concello.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “si os propios poderes públicos son incapaces de cumprir a normativa como van a facela cumprir aos demais? É unha vergoña que seña o propio goberno municipal quen promova a desigualdade entre sexos”.






