Tanto polas malas formas e prema de prazos canto polos seus contidos o texto é merecente dunha frontal oposición da nosa formación. Maneiras e tempos antidemocráticos e contidos conservadores e que recortan plantilla e prestacións non poden recibir o noso visto bo.
Esquerda Unida considera inaceptables as maneiras e prazos do Goberno neste tema, coa demora até o último instante na entrega de documentación; así se entregaron os informes da Secretaría e a Intervención no propio transcurso da Comisión, o cal da pé a calibrar a falla de tempo coa o que o Goberno aporrea un trámite complexo e que require un tempo mínimo de estudo. Tiveron todo o outono para presentarnos un proxecto e botaron a sesta e corren agora contra o reloxo democrático, dificultando o estudo e análise dun documento importante e complexo, denuncia Yolanda Díaz. Quizabes queran aprobalos as agachadas, mais nós temos a vontade de presentar unha proposta alternativa, que teña a forza da razón social.
A Voceira do Grupo demandou un informe xurídico no transcurso da Comisión para validar a legalidade dunha política de persoal que abusa do nomeamento a dedo. Yolanda Díaz denunciou que se crean xefes e xefes de sección e negociado a designar a dedo, e que a maiores se contempla que os postos dos habilitados/as estatais – o alto funcionariado do concello – se designará tamén a dedo, forzando o carácter excepcional desta posibilidade contemplada no Estatuto Basico. Queremos lembrar que unha das razóns que fundamentan a sentenza que nos deixou sen RPT foi o recurso abusivo aos nomeamentos a dedo. Vai haber moito xefe para pouca plantilla dada a medida conexa que modifica parcialmente a RPT.
A eliminación de 50 prazas abunda na desmontaxe dunha plantilla que tería que crecer para afrontar a prestación dos variados servizos públicos que presta. Aínda que orzamentados 13 deses 50 postos, esa relación de postos de traballo se contemplaba como a necesaria alomenos para atender as tarefas municipais. O peche dese horizonte de emprego público sumado á pura arbitrariedade e favoritismo no tema das designacións a dedo nos leva a considerar que se suprime futuro emprego público para favorecer as vindeiras privatizacións de servizos públicos.
Os orzamentos son obedientes ao ciclo económico recesivo e lonxe de constituíren unha ferramenta para crear emprego público e alimentar a vida económica da cidade van deprimila aínda máis, cando se produce unha pinza entre a sangría demográfica e o crecemento do paro na cidade e comarca. O único endebedamento no que incorrimos, o do ICO, era superfluo e vai constrinxir máis os investimentos do futuro ao limitar a capacidade de endebedamento. Son os orzamentos de Rajoy para Ferrol.
Sen prexuízo dunha análise pormenorizada do conxunto dos documentos presentados hoxe na Comisión e dunha ulterior proposta alternativa de carácter participativo, igualitario e social, queremos adiantar algunhas notas críticas que nos levan a avanzar o noso frontal rexeitamento.
Esquerda Unida denuncia a fin do proceso de OP,s: nen vai haber proceso este ano nen se orzamentan os proxectos aínda pendentes destes anos pasados, por canto non hai partida para afrontar a súa realización. “Asasínase a participación cidadá, non hai outro termo”, sinala Javier Galán. Caen a 140.000 euros sobre os tres millóns aprobados a instancias de EU o exercicio pasado.
O investimento público afógase nos recortes do PP. Os investimentos apenas chegan a nada. En Armas darase outra volta e gastaranse 70.000 euros para outro estudo, e van… Na Praza de España se empregarán os remanentes de tesourería, eses que di que non hai este Goberno, e polo tanto nada se fará antes de mediado o ano. O parque da Raíña Sofía e o Callao semellan o único relevante en investimento para o ano. Queremos preguntarlle ao PP que ocorre con accións que si son fundamentais na transformación urbana da cidade como son o convenio do Sanchéz Aguilera ou o proxecto de abrir a cidade ao mar, – reducidas a cuestións menores ou inexistentes para este Goberno de demolición e recorte -. Nós apostamos por elas para modificar a dinámica da cidade e abrir novas oportunidades.
O recorte o acordan os homes e o pagamos as mulleres. As políticas públicas de igualdade padecen unha nova rebaixa, que deixa en evidencia que non haberá desenvolvemento efectivo do Plan de Igualdade elaborado a proposta nosa ou que non se poderá acometer a ampliación física da Casa de Acollida e un planeamento deste equipamento de carácter integral.
A política de gasto social abre as portas de par en par o exercicio do clientelismo político ao fundamentarse na suscrición de convenios nominativos coas entidades en troques de fomentar o reparto dos recursos en base ás políticas de participación e codecisión do movemento asociativo e sobre criterios obxectivos previamente estabelecidos. O PP volve a incitarnos a facer pasillos no concello na procura da atención e favor do concelleiro de turno.
Se aposta nun contexto de redución de plantilla cara o futuro do mandato polas externalizacións e nese campo abonda o exemplo dunha cultura que perde peso no orzamento pero hincha a partida que externaliza a axestión do novo auditorio baleiro e sen equipamento para elevala a medio millóns de euros. Por pór un exemplo, EU reducira a metade esa partida cando fóra nosa a responsabilidade de cultura no comezo do anterior mandato.
Esquerda Unida desenvolverá nestes vindeiros días unha análise exhaustiva do documento gubernamental para propoñer unha alternativa participativa, de igualdade e social para a nosa cidadanía. O faremos malia o interese e malas maneiras que o PP teima cunha aprobación a fume de carozo. Antes e logo no tempo da exposición pública, Esquerda Unida chama a cidadanía e compromete o seu traballo para organizar a resistencia contra o trágala dos recortes que de Madrid a Ferrol recae sobre o conxunto das clases traballadoras e populares.