Unha delegación de EU composta, entre outros, por Javier Galán e María Jesús Durán, acompañados por Ángeles González e Xosé María Dobarro mantiveron unha xuntanza cos membros da directiva da entidade veciñal de Caranza.
Javier Galán salientou no transcurso do encontro a imperiosa necesidade de que o Goberno Municipal se implique en serio na resolución da actual situación do mercado de Caranza, que necesita dunha notable obra de recuperación. Esquerda Unida avoga por unha intervención pública que permita recuperar e modernizar o mercado en canto a dotacións e servizos que son necesarios nun espazo destas características hoxendía. A nosa organización xa apostou por esa solución e para iso se consignara unha partida orzamentaria no exercicio 2009 a demanda da nosa organización, que o Goberno Municipal preferiu finalmente non executar.
Non podemos senón expresar o noso máis nidio rexeitamento en relación coa proposta do Goberno Municipal de entregarlle a unha gran empresa privada privada o actual mercado de Caranza. Semellante cesión suporía entregar case de balde unha terreo que hoxendía é público. Rexeitamento que é compartido coa directiva da entidade veciñal.
Non compartimos as previsións que fan relación ao emprego que se poida crear porque desbotan as repercusións que semellante gran área comercial provocaría no pequeno comercio do barrio. Asemade de ocultar que a empresa que se vería favorecida con esta cesión xa ten un centro no barrio onde traballan 17 traballadoras e traballadores, máis da metade das previsións do emprego novo a crear segundo o estudo de viabilidade, que a cifra en 28 postos de traballo.
A nosa organización insta ao Goberno Municipal en suma a proceder a recuperar o mercado de Caranza sen entregalo a ningunha grande empresa privada.