A executiva nacional de EU considera que a Xunta de Galicia comete un grave erro co plan de residuos ao apostar pola incineración, un método de tratamento de refugallos obsoleto e contaminante. Nunca insistirase o suficiente das consecuencias negativas deste tipo de instalacións. Son moi custosas; requiren transportes a grandes distancias trasladan a pobos pequenos os problemas xerados nas zonas máis ricas e manteñen a invisibilidade social dun problema que todos temos que afrontar dunha vez. Ademais, son difíciles de xestionar e controlar: recordemos os verquidos e os escándalos de Sogama. Tampouco xeran o emprego que prometen, sendo este, ademais, insalubre, precario e mal pagado.
Pero os impactos máis graves son os da saúde pública e o medio ambiente. A incineración provoca emisións de compostos químicos perxudiciais moi persistentes (dioxinas altamente canceríxenas, furanos…), e incrementa o volume de residuos gaseosos intratables (CO2, metano…) respecto a outros sistemas de tratamento. A Directiva Europea propón como último recursos no tratamento do lixo a incineración e o vertedoiro, precisamente as solucións prioritarias para a administración do PP.
O área de medio ambiente de EU aposta pola redución en orixe, a reutilización, o reciclaxe e o compostaxe como método principal de tratamento de refugallos a través dunha xestión pública, unha dinámica máis racional e rendible que a día de hoxe amosa porcentaxes insignificantes en Galicia. A divulgación e a participación social son imprescindibles. Os cidadáns non poden dar as costas ao problema desfacéndose del, facéndoo invisíbel.
A xestión privada non pode ser a solución porque as empresa so atenden a beneficios polo que interésaslle tratar o maior volume posible de lixo. Canto máis enterre e incinere, máis beneficio obtén.
Xa que logo, Esquerda Unida rexeita a implantación da planta incineradora de residuos no municipio do Irixo. A incineración, oculta tras o eufemismo valorización enerxética, nin sequera é rendible económicamente, pois poñer en combustión os residuos consume máis enerxía da que se desprende da súa queima.
Os sucesivos aprazamentos ata decidir a ubicación definitiva mostran claramente que buscaban unha oportunidade para evitar o rexeitamento social. Como ven sendo habitual, a crise vai servir para impoñer unha solución inxusta. A promesa sempre incumprida de moitos postos de traballo (para un Concello con pouco máis de 100 desempregados…), e o teórico aforro de cartos públicos grazas á sempre máxica receita da xestión privada, pretenden convencer da viabilidade do proxecto. O Conselleiro de Medio Ambiente non ten inconveniente en xustificar a adxudicación a dedo da construcción e xestión da incineradora a Estela Eólica, sen concurso público nin garantía ningunha. A explicación é que a iniciativa da instalación xurdiu desta visionaria empresa, cuxas expectativas de negocio foron coincidir moi felizmente coa eterna necesidade de desfacerse do lixo na nosa Comunidade. Isto non só resulta tremendamente sospeitoso, é que, ademais, se a iniciativa deste asunto de envergadura saíu dunha empresa e non da Consellería, cal é o papel deste organismo? podémonos fiar dunha administración que improvisa e deixa en mans alleas a solución aos nosos problemas medioambientais máis perentorios?
Para colmo, a opacidade e o talante antidemocrático de todo o proceso son os habituais nestes proxectos, e son comúns para os tres partidos políticos, PP, PSOE e BNG, que tiveron nas súas mans o goberno da Xunta con idénticos e nefastos resultados. De feito, os grupos que no seu día constituían o bipartito están a amosar a súa indignada oposición a esta incineradora, pero aínda non explicaron hoxe que tipo de sistemas avanzados e inocuos pretendían aplicar no seu “parque medioambiental” para o tratamento do lixo.
EU lamenta a ausencia de debate público. As declaracións do alcalde de O Irixo, xactándose de que só tres persoas na provincia coñecían a ubicación da planta, e de que os veciños que se queiran opoñer “van ter difícil” evitar a súa instalación, resultarían inaceptables nun país con máis tradición social crítica e participativa co noso.