Non á Lei de costas do PP.

Esquerda Unida rexeita á reforma da Lei de Costas presentada polo PP. A ampliación a 75 anos da concesión e a autorización á compra-venda de inmobles situados dentro do dominio público terrestre son medidas que supoñen un regalo ás inmobiliarias permitíndolles así facer negocio esquivando a ata agora vixente Lei de Costas.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida considera que a reforma da Lei de Costas que proxecta o PP supón unha nova agresión ao noso territorio e a privatización da costa. Esta reforma vai claramente contra a intencionalidade da Lei de Costas aprobada en 1988, que non era outra que frear a destrución e privatización da costa no litoral do Estado.

A ampliación da concesión debería revisarse caso por caso, concedéndose unicamente no caso de ser primeira vivenda e a persoas de baixa renda.

Por outra banda, esta reforma supón unha agresión en particular á costa galega coa redución da zona de servidume de protección da costa de 100 a 20 metros nas rías. Isto suporá abrir as portas novamente á construción indiscriminada e a destrución da zona costeira.

A suposta intención desta medida é dar seguridade xurídica aos núcleos de poboación que no ano da aprobación da Lei de Costas non tiñan cualificación de chan urbano pero sí as súas características. Si de iso se tratara, bastaría facer un inventario dos núcleos que merecerían tal cualificación en lugar de reducir a zona de protección da costa.

Para a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, “a reforma proposta polo Goberno do PP supón unha fuxida cara adiante intentando revitalizar a economía a base da destrución do litoral”.

 

Relacionados