Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2013.- “Estamos gobernados por un vasalo en termos absolutamente literais”. Con esa frase resumiu a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, os labores da Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Referíase en concreto, ao rematar esta mañá a xunta de portavoces do Parlamento de Galicia, á inexistencia dun servizo público de bombeiros. “Existen cinco empresas privadas pero nin sequera un mando único”, expuxo, “e mentres o señor Rueda permite que se faga negocio cunha prestación esencial para os cidadáns”. Alternativa preguntará por esta situación no pleno da vindeira semana. Como tamén preguntará pola carga de traballo nos estaleiros de Vigo e, ao presidente do Goberno galego, polas pensións e o impacto en Galicia da última reforma agresiva de Rajoy contra os pensionistas.
Díaz tamén denunciou, en rolda de prensa logo da xunta de portavoces, a actitude da mesa respecto dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) achegada polo partido Compromiso por Galicia e rexeitada pola Mesa do Parlamento. “Esta Cámara ten unha eiva bipolar”, sinalou, “porque no seu órgano de goberno só sentan os dous partidos do réxime”. A viceportavoz de AGE laiouse das “argucias torticeiras” empregadas polo letrado do Hórreo para xustificar o veto a esta ILP sobre corrupción e medidas a tomar para combatela. “Impiden que polo menos 15.000 persoas teñan voz directa no Parlamento, cando, ademais, os requirimentos para presentar ILP son xa durísimos”, puntuou.
A parlamentaria de Alternativa rematou esixindo da Xunta de Feijóo “a máxima transparencia” e atacou con dureza o feito de que, novamente, o presidente se negue a comparecer a petición do PSdeG. “Por que non comparece Feijóo? Por que ten familiares directos en empresas que fan moito negocio?”, preguntouse, “o certo é que se non ten nada que ocultar, o primeiro que debe facer é comparecer no Parlamento e explicar a corrupción que asolaga este país e o seu partido”