O Consello Nacional de EU sinala que os diferentes casos de corrupción que abroian nas diferentes operacións xudiciais, máis sinaladamente a Operación Pokémon da que vén de erguerse o levantamento parcial do secreto sumarial, poñen de manifesto a existencia dunha corrupción estrutural que ilustra a descomposición do Réxime Político pactado na Transición, que afecta á propia Xefatura do Estado e aos partidos do réxime, obedientes ás corruptelas dos grandes empresarios, dos banqueiros e dos especuladores.
Unha corrupción estrutural que afecta a todos os eidos da vida económica, social e política. E neste sentido, EU lembra que non existen corrompidos sen corruptores, e que a base da corrupción nos concellos parte de tres fontes fundamentais: a especulación urbanística, a privatización dos servizos públicos esenciais e a concesión de subvencións públicas( ese neoliberalismo que practican os partidos do réxime, os que teñen contas B e ven condonados aos seus créditos bancarios) E nas tres hai que destacar os intereses das grandes empresas concesionarias, dispostas a conseguir a calquera prezo o xugoso negocio dos servizos públicos, as subvencións ou as licenzas de obras. Canto perde o pobo, a cidadanía traballadora, a grande maioría social, para que gañen as empresas e os corruptos?
O Consello Nacional esixe a inmediata dimisión de todos os cargos públicos imputados na Operación Pokémon, unha situación que afecta a máis de 100 cargos públicos en Galicia, salvagardando por descontado a presunción de inocencia.
Para EU, a cidadanía asiste a este espectáculo cunha sensación de impunidade na que semella que o saqueo público ten patente de corso, mentres as maiorías sociais están condenadas á dor e ao sufrimento como consecuencia das políticas de recorte e austericidio.
Xa que logo, EU esixe unha rexeneración democrática que pasa por reforzar o sistema punitivo, elevando as penas por corrupción e dotando de máis medios ao sistema xudicial para desempeñar o seu labor. Democracia participativa, auditorías e remunicipalización dos servizos públicos concesionados coa corrupción. EU amosa tamén a preocupación porque poida tentar de amaños para chegar ao fondo nas súas investigacións.
EU chama á rebelión democrática para devolver o protagonismo á cidadanía, e devolver o carácter público aos servizos privatizados, para facer pagar a crise aos seus autores, aos especuladores, aos estafadores financeiros e ás elites políticas que rexeron os destinos das institucións nos últimos anos.