Rexeneración ría do Burgo

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta o tempo perdido debido ao escapismo de PP e PSOE fronte á xestión da contaminación da ría do Burgo. Semella que a rexeneración da ría do Burgo segue a expensas dos intereses políticos que se conxugan no Parlamento Europeo, no goberno do Estado  e na Xunta de Galicia, todos dominados polo PP agora e polo PSOE noutros momentos.

A máxima de “Quen Contamina PAGA” tamén debera extrapolarse aos nosos gobernantes. Resulta totalmente inmoral que despois de 25 anos a expensas da contaminación, chegue o Sr. Boulland, diga que a ría é unha “inmundicia”, e posteriormente defenda as actuacións feitas pola administración do seu partido, o popular, cando xa van anos nos que se coñecía que a ría estaba a recibir verteduras de fecais, mercurio, cadmio ou de chumbo, que ían impedir unha produción saudable de moluscos comestíbeis nunhas mínimas garantías de salubridade.

Esquerda Unida esixe a inmediata rexeneración da ría do Burgo. Pode que a contaminación desta ría non teña a repercusión mediática doutras catástrofes, mais eses 25 anos son suficientemente daniños como para esixir compensacións ao máis alto nivel. Para facer unha avaliación sensata do problema non hai que esquecer a perigosidade e o custo que suporía tratar unha importante cantidade de sedimentos tóxicos e perigosos.

O voceiro de EU-V, César Santiso incide na importancia do tratamento, dado que “o dragado e o posterior tratamento para inertizar as preto de 500.000 toneladas de lodos debe ser unha prioridade medioambiental, pero tamén económica e social.

César Santiso preguntouse “porque se permite que empresas que contaminaron, como a Cross no seu momento, escapen sen pagar a parte que lles corresponde? Se finalmente se opta polo dragado, ao seu elevado custo haberá que engadir o tratamento dos lodos pola Sociedade Galega de Residuos Industriais. E semella que o PP non está disposto en investir na ría do Burgo, polo que a súa proposta buscará evadirse da súa responsabilidade movendo parte da area e escondendo o máis gordo, como se así fose a desaparecer a alta contaminación que posúe”.

Relacionados