Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Eva Solla, quere que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) faga por cumprir as súas propias normas e impida que se viole a lei de incompatibilidades entre a sanidade pública e a sanidade privada. “Hai un incumprimento significativo do actual réxime de incompatibilidades”, denuncia Solla na argumentación dunha proposición non de lei que se debaterá esta tarde no Parlamento, “que fere a axeitada prestación do servizo público”. Para Alternativa, e así o expón a parte resolutiva do documento, a Xunta “debe desenvolver medidas urxentes que garantan polo menos o cumprimento rigoroso das prescricións legais en materia de incompatibilidades”. Ademais, debe confeccionar un novo marco legal para que o persoal a tempo completo do Sergas “non poida ter ningún traballo ou responsabilidade na sanidade privada”.
Eva Solla denuncia que o Goberno do señor Núñez tolera sistematicamente “a elusión da preceptiva comunicación para compatibilizar actividades públicas e privadas”. “A vulneración da lei de incompatibilidades arrástrase sen solución e afecta en particular aos chanzos directivos, en concreto aos xefes de servizo”, engade. A deputada de AGE lembra que todo isto é permitido polo Partido Popular, “o partido das empresas privadas en materia sanitaria, o partido das privatizacións, o partido das complicidades e portas xiratorias entre cargos públicos e cargos directivos nas empresas do sector privado sanitario”.