río dos Corrais

 

A nosa organización alerta e denuncia o paso do tempo e a falla de traballos  para acometer  as obras estruturais necesarias para facer imposible as crecidas e inundacións. Coa entrada do outono imos cara a un período onde crecen exponencialmente as posibilidades de que ao abeiro das choivas se produzan inundacións nos Corrais.

 

Esquerda Unida denuncia a pasividade do Goberno Municipal e do da Xunta de Galicia  para facer realidade o proxecto de canalización e recuperación medio ambiental do río dos Corrais, cumprindo unha vella arela da veciñanza, que aínda sufriu en 2006 unha das máis graves inundacións.

 

Os compromisos acadados en 2008 – lembra o Grupo Municipal de EU – supuñan desenvolver unha ambiciosa obra de recuperación, saneamento e canalización da área do río dos Corrais, afectada por recorrentes inundacións, como as graves riadas de 2006. Incluso se formulaba como data para o comezo da actuación o mesmo ano 2008. As evidencias falan por si soas e deixan en mal lugar tanto a Xunta como ao Goberno Municipal.

 

Esquerda Unida fai un chamado á responsabilidade de ámbalas dúas administracións, a municipal e a nacional para facer realidade o devandito compromiso. Á Xunta de Galicia demandámoslle que dea comezo a intervención hidráulica xa,  en prevención dos riscos asociados con esta época do ano. Lamentamos  o desinterese da Xunta, que considera que a actuación no Corrais non é prioritaria.

 

Doutra banda, o noso Grupo Municipal reclámalle ao Goberno Municipal que actúe con celeridade en dúas frontes: a primeira e inmediata é o mantemento e limpeza no río e as súas marxes, onde volven a acumularse restos susceptibles de coadxuvar a unha inundación caso de reproducírense as choivas. A outra actuación para a que esiximos celeridade e interese consiste na posta a disposición polo Goberno Municipal  á Xunta dos terreos necesarios para poder executar o conxunto da intervención no río, intervención que suma non só a súa canalización senon tamén a recuperación medioambiental do mesmo.

Relacionados