César Santiso indicou que o Goberno municipal ven de recoñecer a eiva que supón que o Concello da Coruña teña máis de 70,5 millóns en débedas pendentes de cobro e afirma que están a traballar para mellorar o servizo.
Esquerda Unida afirma que a inacción sobre os incobrados supón unha perda de 6000 euros diarios. E dicir o Goberno municipal está a facer perder a cidadanía un millón das antigas pesetas ao día en base ao cálculo dos dous millóns de cancelación de débeda do ano 2010 por incapacidade para o seu cobro.
Santiso, contestou ao alcalde “a actuación sobre os impagados debe ser inmediata e de carácter urxente, non pode esperar a reorganizacións de servizos que se demorarán no tempo, coincidimos co alcalde na necesidade de mellorar os servizos a cidadanía mediante unha reorganización administrativa, como o demostra a nosa proposta electoral dun Plan de Reorganización da Administración Coruñesa (PRAC). Pero indicou que “somos coñecedores de que o problema non se atopa nos empregados públicos, cónstannos a súa elevada capacitación e dedicación senón nos obsoletos fluxos de traballo e os medios materias para o seu desenvolvemento.
O voceiro de EU-V indicou “Un bo gobernante debe actuar de inmediato e con determinación sobre problemas perentorios como este, xa levamos máis de tres meses de atraso e dicir o Goberno do PP xa fixo perder a veciñanza medio millón de euros no caso de manterse a tendencia de impagados do 2010 ¿porqué non actuou nin informou do problema até que o fixo o grupo municipal de EU-V? Porqué so se decatou do problema Esquerda Unida, precisamente o grupo municipal ao que o Goberno do PP dotou de menos recursos?”.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reafirmase na súa proposta de que a Deputación xestione as débedas pendentes de pago para evitar a duplicidade de servizos en base a criterios de austeridade e eficiencia, pois non cabe dúbida que a mellora do Servizo de Recadación suporía un custe económico que non ten razón de ser, máis nestes tempos de crise económica, cando outro ente público xa ten un Servizo dotado dun nivel tecnolóxico é organizativo modélico que lle permite xestionar eficazmente máis dun millón de recibos por un importe total que supera os 100 millóns de euros anuais e cunha porcentaxe de recadación que no período voluntario é do 90% e no período executivo aproxímase ao 50%.
Por outra banda Santiso subliñou que a capacidade de recadación sempre será superior nun organismo de ámbito provincial que noutro que so pode desenvolver a súa acción recadadora nos termos municipais.