Rolda de Prensa presentación candidato

 

Comezou a intervención Jorge Gil Morabes, responsábel de organización de EU Galiza e número dous da candidatura, quen agradeceu a presenza aos medios de comunicación e salientou a visibilidade que Esquerda Unida está a ter na Coruña. Algo que segundo Jorge Gil Morabes débese ao grande traballo que está a facer o consello comarcal de EU Coruña, pero que non sería posíbel sen que os medios o trasladasen á opinión pública. Por iso agradeceu este cambio de actitude e a atención que ultimamente están a prestar a nosa organización.

 

De seguido, o secretario de organización deu a palabra a Luz Ponte. A anterior candidata de EU nas municipais do 2007, indicou que “foi unha honra representar nos anteriores comicios á organización”, aínda que mais importante que as persoas son os ideais que representa EU e as súas cores. A responsábel de comunicación do consello comarcal de EU Coruña e terceira cabeza de lista, afirmou que fai catro anos a cor era a violeta da muller, este ano César Santiso, representaba a cor vermella da loita sindical e a verde do ecoloxismo.

 

Luz Ponte afirmou que a nova candidatura é unha mostra de coherencia e unidade de acción en Esquerda Unida e representa unha continuación coa labor desenvolvida, polo que deu o seu apoio público ao candidato e ao actual consello comarcal.

 

Por último tomou a palabra o coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía da Coruña, César Santiso, quen subliñou o caracter aberto e plural da candidatura que presentará Esquerda Unida aos comicios do 22 de maio, unha lista que inclúe un importante número de persoas independentes á organización, o que ven a constituír un acto de xenerosidade política que pretende ser a semente da constitución dunha fronte ampla de esquerdas na que conflúan diversas sensibilidades da esquerda alternativa e transformadora para que a esquerda política e a esquerda social traballen xuntas, diante das políticas neoliberais que están a aplicar tano o PSOE como o PP, os primeiros no conxunto do estado e no concello coruñés, e os segundos na Xunta de Galicia.

 

César Santiso avogou polos orzamentos participativos como ferramenta de participación cidadá, porque “quen mellor que a veciñanza para decidir como investir no seu barrios”. Santiso afirmou que “a cidadanía debe ter moita máis capacidade de decisión, por iso a participación cidadá é un eixo fundamental e irrenunciábel para Esquerda Unida”. “Aspiramos a gobernar coa cidadanía, non para a cidadanía”, algo que segundo o coordinador comarcal marca unha grande direfenza co resto de forzas políticas. “A algúns enchese a boca ao falar de participación cidadá, máis o Goberno municipal nin tan sequera está a aplicar o regulamento de participación cidadá, xa que logo, demostra que a súa redacción respondeu unicamente a obrigas derivadas da aplicación da Lei das grandes cidades”.

 

O candidato a alcaldía da Coruña, defendeu a política coma ferramenta ao servizo da cidadanía para mellorar a calidade de vida da veciñanza, porque “outra política é posíbel”. Así pois, anunciou Transparencia, ética e austeridade como principios rectores da política de Esquerda Unida e enumerou algunhas das medidas contidas no seu programa neste sentido:  Plan de Reorganización da Administración Coruñesa (PRAC) para optimizar recursos, reducir custos, gañar en eficacia e mellorar a produtividade. Redución dun 75% dos custos en protocolo e relacións públicas. Baixar un 25% os emolumentos de cargos públicos e altos cargos de confianza. Ou a redución do 50% en dotacións e asesores para os grupos políticos.

 

Finalmente, César Santiso afirmou que os concellos, como a Administración máis cércana a cidadanía, teñen a obriga de promover o cambio do modelo produtivo local cara uno menos dependente do petróleo e máis sustentábel, social e medioambientalmente o que permitiría gañar en competitividade as empresas coruñesas e, xa que logo, reactivar a económica local coa conseguinte creación de emprego, aínda que isto último non sexa potestade propia dos concellos.

Relacionados