Rolda Prensa Impagados

 

Santiso explicou que segundo consta nos datos da liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2010, o importe total das débedas que o concello ten pendente de cobro ascende a 70.562.716,66 euros. Cantidade que supera o importe total da débeda financeira municipal que segundo o Goberno municipal ascende a 68 millóns.

 

Ademais a cancelación da débeda no exercicio 2010 ascendeu a dous millóns de euros, co que se podería dispor, por exemplo, dunha nova escola infantil, pero debido a desidia dos nosos gobernantes A Coruña perdeu a dita posibilidade.

 

Para Santiso “a devandita débeda constitúe unha estafa para a cidadanía que pese á crise está a pagar os seus impostos e un impedimento para desenvolver máis políticas sociais e medidas encamiñadas á creación de emprego”.

 

O voceiro de EU-V puntualizou que é unha situación herdada debido a nefasta xestión dos Gobernos anteriores, pero preguntouse cal é a razón pola que o Goberno do PP no fala deste escandaloso asunto “resulta inxustificábel que o Goberno do PP afirme que non hai cartos cando ten pendente de cobro máis de 70 millóns e medio de euros. Será que é máis sinxelo non cobrar as débedas dos promotores e logo dicir que non hai diñeiro? ta onde ten que chegar o tamaño da débeda para que o Goberno municipal faga algo ao respecto?”

 

Esquerda Unida tamén denunciou que a desidia do Concello beneficiou a empresas en máis de seis millóns de euros. En concreto están pendentes de cobro  3,5 millóns de cotas de urbanización de empresas inmobiliarias e os operadores que están a facer negocio coas instalacións municipais do matadoiro e do hospital Labaca deben a veciñanza máis de 2,3 millóns. Isto e a proba evidente de que as privatizacións desenvolvidas polos anteriores gobernos unicamente supuxeron un pingüe negocio para as concesionarias privadas e un custoso lastre económico para a cidadanía.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Vererdes propón un convenio de cooperación colaboración para que a deputación xestione a débeda pendente de cobro do concello coruñés que permita recuperar para a veciñanza coruñesa o que sexa posíbel do burato de impagos do Concello. A Deputación Provincial da Coruña dispón dun Servizo de Recadación dotado de un nivel tecnolóxico é organizativo modélico que lle permite xestionar máis dun millón de recibos por un importe total que supera os 100 millóns de euros anuais e cunha porcentaxe de recadación que no período voluntario é do 90% e no período executivo aproxímase ao 50%.

 

“con cobrar tan so un 10% dos 70 millóns de euros poderíanse financiar cinco escolas infantís como a que o Concello construirá en Pedralonga. Os poderes públicos deben mellorar a súa coordinación para gañares en eficacia, obviar a nosa proposta sería unha grave irresponsabilidade do equipo de Goberno” indicou César Santiso.

 

Por outra banda esixiu ao actual Goberno municipal que tome as medidas correctoras correspondentes e depure responsabilidades políticas, e solicitou unha comisión de investigación para aclarar este escándalo financeiro porque “a cidadanía ten dereito a saber que se lles está engordando o peto a algúns empresarios a conta de non cobrarlle as débedas”.

 

Finalmente, Santiso afirmou “non entendo como a existencia deste burato económico non se denunciou con anterioridade. A veciñanza pode ter a absoluta seguridade que con Esquerda Unida no Concello este tipo de escándalos non van quedar agachados nunca mais”.

Relacionados