Rosa Quintana dimisión

O deputado Juan Fajardo presenta, ademais, unha proposición non de lei para que as eléctricas non abran unilateralmente os encoros, cuxas riadas causan enormes danos nos bancos de marisco.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu esixir hoxe, en rolda de prensa, a dimisión da conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana. “Ante a incapacidade da conselleira para tomar decisións que soluciones as deficiencias en salvamento marítimo”, expuxo o deputado Juan Fajardo, “pedímoslle que se marche”. Fajardo lembrou a morte, o pasado mes de decembro, dunha percebeira en Oia (Pontevedra) á que os servizos de salvamento non puideron asistir a tempo. Tamén lembrou que a Xunta anunciara medidas ao respecto. “Máis dun mes despois, nada sabemos desas medidas”, engadiu, “que, para nós, significan que o salvamento marítimo volva ser completamente público”. “Non pode ser que unha persoa que antepón o beneficio dunha empresa privada [a adxudicataria dos servizos de salvamento] a salvar vidas continúe sen tomar medidas que, entre as xentes do mar, son un clamor”, sinalou.

Ademais, Alternativa rexistrou unha proposición non de lei (no outro documento anexo) en que insta á Xunta a impedir que a apertura unilateral dos encoros por parte das eléctricas provoquen riadas que causan enormes danos nos bancos de marisco. O parlamentario Juan Fajardo puxo como exemplo os acontecementos do pasado decembro, cando o caudal desatado polas présas do Tambre e de Portodemouros produciron unha enorme mortalidade de moluscos nas rías de Muros e Noia. “Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade, como aducen as compañías”, argúe Fajardo, “a decisión de abrir as comportas baséase no mellor prezo que pode acadar a enerxía nas datas de Nadal nos mercados europeos”. De feito, a apertura que prexudicou ás mariscadoras e mariscadores das rías de Muros e Noia ocorreu o 24 e o 25 de decembro. Onte mesmo, os dous encoros mencionados tiñan un 20% de auga ca daquela e non soltaron a auga.

Pero é que, a maiores, a Xunta e os produtores acordaron, por mor das riadas, o peche dos lombos do Ulla ao marisqueo deica o mes de outubro. Esta situación, que afecta aos mariscadores das confrarías de Carril e Rianxo, pode ocasionar perdas de 15 millóns de euros. Así, a Administración autónoma deberá pagar as prestacións dos traballadores que fiquen en paro, sen que as compañías eléctricas –causantes do peche pola apertura unilateral dos encoros- soporten ningunha carga económica por estes feitos. A proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda denuncia tamén o desleixo da Xunta á hora de reclamar responsabilidades aos culpábeis desta situación.

 

 

Relacionados