Yolanda Díaz subliña que a nosa cidade non pode ficar allea as conmemoracións que percorren o país exaltando a obra dunha figura senlleira, da matriarca das letras galegas. Cómpre desenvolver un bloque de actividades que espallen na nosa veciñanza o valor da súa escrita. Entre outros, o profesor Xesús Alonso Montero, director do Centro de Estudos Rosalianos ten dado boa conta do incomensurable valor da súa escrita, que fai dela fautora do noso Rexurdimento.
A nosa lingua e cultura deféndense todos os días e en poucas ocasións imos ter unha razón tan fermosa e poderosa como a de lembrar e achegar a nosa sociedade o valor da obra rosaliana. Mais, diante da inaudita sistemática de ataques a lingua galega que está a desenvolver o Goberno da Xunta de Galicia.
O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario que de maneira urxente, para colmar o baleiro de planificación neste eido, se elabore de maneira participada, co tecido cultural e feminista da nosa cidade, un conxunto de actividades que sirvan ao interese xeral, na medida en que divulguen e acheguen a obra rosaliana e supoñan unha plataforma de acción na defensa da cultura e lingua galegas.
As actividades desenvolvidas na nosa cidade até o de agora en relación con este aniversario teñen que acadar un meirande relevo e extensión, que debe vir da man da participación activa do tecido asociativo da cidade. Para isto demandamos unha presenza activo do Goberno Municipal.