Roubos en Novo Mesoiro

Esquerda Unida solicita ao alcalde que convoque á xunta de seguridade para resolver a situación de inseguridade en novo mesoiro, porque os poderes públicos non poden permanecer de brazos cruzados diante de actuación delictivas que están causando alarma social e castigando a un barrio onde a meirande parte dos seus moradores son xoves familias traballadoras que non so teñen que sufrir os recortes dos gobernos do PP, senón que tamén teñen que soportar a súa inacción.

Precisamente o goberno municipal estivo durante ano e medio presumindo de reactivar a xunta de seguridade para coordinar á policía nacional, policía local e servizos de emerxencias, máis cando se necesita a súa actuación non se convoca.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a veciñanza de Novo Mesoiro merece maior atención logo de anos de esquecemento por parte dos distintos gobernos municipais. Un barrio enormemente poboado que ten un enorme déficit de infraestruturas e mobilidade, en parte debido a que as obras de urbanización recepcionaronse incorrectamente porque anteriores gobernos municipais priorizaron os intereses dos promotores sobre os dos veciños, así por exemplo, a día de hoxe e apesares de ser un barrio novo, a meirande parte das beirarrúas están rachadas debido a defectos de construción, o tendido eléctrico de alta tensión próximo aos edificios está sen soterrar ou a escasa urbanización nas rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume, demostran que o Concello ten abandonada a veciñanza deste barrio.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal ten que velar pola seguridade dos coruñeses, non vale escudarse en base a que é competencia da policía municipal, para iso está a xunta de seguridade e a policía de barrio se é que existe”, porque por moito que a anunciou publicamente o goberno municipal, a policía de barrio nin está nin se lle espera. Sendo este barrio un dos máis necesitados dela porque se atopa practicamente incomunicado debido as enormes eivas de mobilidade e á súa paupérrima conexión por estrada, o que provoca elevados tempos de resposta por parte da policía.

Relacionados