Salvar a Fábrica de Lápices

 

Comezan a ser lexión as voces autorizadas que na nosa cidade denuncian un novo atentado contra o patrimonio arquitectónico que nos legou a nosa historia industrial e racionalista. Agora é a petición formal elaborada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para salvagardar alomenos a cheminea  e o edificio de oficinas a que temos enrriba da mesa, e a nosa organización quere sumar a súa voz a esta demanda.

 

A nosa organización volveu a manifestar públicamente o pasado 10 de decembro o rexeitamento da decisión adoptada pola Xunta de Galicia, cambiando de parecer de maneira incoherente e inflixindo un dano severo ao patrimonio arquitéctonico da cidade, en canto o vello estabelecemento forma parte dunha arquitectura racionalista e industrial, que un interese mercantil está a piques de destruír definitivamente. Esquerda Unida sostivo dende sempre a conveniencia e necesidade de preservar a vella Fábrica e non reducila a un edificio de vivendas libres, como de xeito prosaico e interesado o PP asume na actualidade. Preguntámonos que intereses fixeron mudar a decisión previa da Xunta xusto cando Ferrol Vello xa é BIC e se vai proceder a elaborar o Plan Especial.

 

Esquerda Unida demanda do Goberno Municipal unha pausa nesa carreira de destrución que anuncia o concelleiro de urbanismo. Démonos o tempo suficiente para resolver o futuro da parcela dacordo co Plan Especial de Ferrol Vello que se vai elaborar xa. Tentemos conxugar un tempo pausado para decidir dentro do marco coherente do Plan que facer nese espazo.

 

Esquerda Unida pídelle respecto o Goberno Municipal para co noso patrimonio histórico e, xa que logo,  paralice calquera permiso ate que a redación do Plan Especial de Ferrol Vello defina o futuro da parcela. Constitúe unha burla derruíla cando se vai proceder a redactar ese Plan Especial. A explicación deste sen sentido ten pouco de racional e apunta a facilitar o lucro privado dunha inmobiliaria, aínda que sexa a costa da nosa memoria histórica.

 

Pedímoslle ao Goberno que escoite á cidadanía e a voces tan autorizadas como a do Colexio de Arquitectos e non se deixe deslumbrar polo ecoar das moedas dun lucro privado. Ferrol e a nosa historia valen incomparablemente máis.

Relacionados