Salvemos o Crico de Artesáns

O voceiro de EU-V no Concello da Coruña, César Santiso, desenvolveu hoxe unha rolda de prensa conxunta cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns.

 

A rolda de prensa desenvolveuse logo dunha xuntanza cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns na que se estudiaron as diferentes alternativas de viabilidade para a emblemática sociedade coruñesa. Logo de estudar a situación chegouse a conclusión de que a sociedade debería incrementar en 6.000 €, algo que é practicamente imposíbel de acadar a través do incremento do número de socios.

 

Esquerda Unida propón que o goberno municipal e a directiva do Circo de Artesáns negocien un novo convenio de colaboración, xa que o anterior aínda que nos seus principios rectores recolle a utilización das instalacións da sociedade como centro cívico, o certo é que nunca chegou a desenvolverse por mor dun regulamento de réxime interno asinado posteriormente demasiado restritivo e pouco concreto no que se lle outorgaba a meirande parte da capacidade de decisión a propia xunta directiva da sociedade. Así pois os propios traballadores indican que a día de hoxe a veciñanza da Coruña non accede as instalacións do Circo de Artesáns, o que para EU-V significa que o actual convenio é falido.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a viabilidade da sociedade pasa porque o Concello duplique a subvención actual a cambio de poder utilizar as instalacións para que os coruñeses e coruñesas dispoñan realmente dun novo centro cívico, porque na actualidade a zona centro adoece deste tipo de infraestruturas pois os centros cívicos máis próximos para a veciñanza da zona son os de Monte Alto ou o dos Maios, a pesares da subvención actual que o Concello outorga a sociedade ascende a 21.000 € trimestrais, e dicir 7.000 € mensuais, con outros 6.000 € cubriríanse os custos. Propoñemos que os 1.000 € restantes se utilicen para mellorar a calidade das instalacións e o seu mantemento. Non cabe dúbida que o novo convenio debe ser o suficientemente flexíbel como para que os socios da entidade dispoñan da privacidade e espazos propios que se merecen, pero ao mesmo tempo o resto das instalacións deben estar abertas a cidadanía.

 

César Santiso, indicou que “pretendemos ter xuntanzas co Goberno municipal e a directiva do Circo de Artesáns para trasladarlles a necesidade de chegar a un acordo polo ben da Coruña, para o cal estamos dispostos a colaborar en todo o que sexa necesario”.

Santiso subliñou que a viabilidade da sociedade pasa inexorablemente por que se incremente os seus ingresos en 6.000 € o concello pode e debe facelo pero ese investimento tense que traducir no incremento da oferta sociocultural para que así o Concello recupere o investimento mediante a consecución efectiva dun novo centro cívico.

 

O concelleiro de EU-V indicou que, non podemos permitir ter valeiras unhas instalacións de 2.300 m2 en pleno centro da cidade. Os traballadores indican que dos actuais 167 socios menos de medio centenar son os que usan as instalacións do Circo de Artesáns, como a cidadanía coruñesa tampouco accede as ditas instalacións, supón que cada socio dispón de 80 m2, e dicir o espazo dunha vivenda familiar. “Na situación actual o investimento de 7.000 € mensuais que está a facer o Concello e totalmente improdutivo, pois a cidadanía coruñesa non se está obter ningún rendemento”.

 

O concelleiro solidarizouse cos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns, que están a pasar uns momentos moi duros: “fágome cargo da tremenda situación que teñen que estar estas seis familias traballadoras, que nestes momentos de fonda crise e duros recortes están a sobrevivir sen cobrar os seus salarios. Motivo máis que suficiente para investir o tempo necesario para dialogar e acadar unha solución satisfactoria para esta dramática situación”.

 

Santiso indicou que o seu grupo pretende actuar de interlocutor e mediador na procura de solucionar esta difícil solución, de feito xa está en contacto cos traballadores e traballadoras e pretende manter esta semana xuntanzas co Goberno municipal e coa directiva da asociación, porque “non so o Goberno municipal ten a obriga de pular pola solución dos problemas da cidade, senón que é unha responsabilidade de toda a corporación municipal”.

 

Finalmente, o voceiro de EU-V subliñou que “o dito convenio é bo para todos: mellora a oferta sociocultural do Concello, alivia o sufrimento dos traballadores da entidade que levan dous meses sen cobrar ao tempo que permite a viabilidade económica do circo de artesáns, e todo isto con un mínimo investimento”.

Relacionados