Sanción desafiuzamento Aurelia

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que cando un funcionario “ergue a voz para non formar parte dunha tropelía”, merece ser condecorado. Foi este o caso dun bombeiro que o pasado 18 de febreiro se negou a participar no desafiuzamento da anciá Aurelia Rey, na Coruña. “Esta persoa empregou a obxección de conciencia para non amparar a violación dun dereito básico como é o da vivenda”, expuxo na comisión parlamentaria 1ª a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz, “e a resposta do PP consiste en sancionalo. Esiximos a retirada desa sanción”. A Delegación do Goberno en Galicia, dirixida por Samuel Juárez, sancionou ao bombeiro, ao deputado do BNG Francisco Jorquera, aos concelleiros de Esquerda Unida e BNG na Coruña César Santiso e Xosé Manuel Carril e varios cidadáns máis que, coa súa participación nas mobilizacións daquel día, impediron a execución do desaloxo de Rey.

“É impresentábel a conduta do delegado do Goberno”, denunciou Díaz, “atacar a un funcionario que se coloca a carón das vítimas”. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrara a proposición non de lei (no documento anexo) defendida esta mañá para instar á Xunta a outorgar ao bombeiro a medalla ao mérito da Protección Civil hai meses, antes de coñecer a sanción de Juárez. “A conduta dese bombeiro foi exemplar e é un modelo”, afirmou a viceportavoz de AGE. Os demais grupos da oposición apoiaron a iniciativa de Alternativa, pero o PP negouse. Un deputado ofreceu escusas extemporáneas e retorcidos argumentos suposta normativistas para non facelo.

Relacionados