Saqueo de Villar Mir no río Xallas

O deputado, Antón Sánchez, preguntou en comisión sobre os tres novos aproveitamentos aprobados pola Xunta e se esta decisión está relacionada co feito de que Villar Mir apareza nos papeis de Bárcenas como unha das empresas doantes do PP.

AGE presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para anular os novos proxectos aprobados.

Santiago de Compostela, 28 febreiro de 2013.- O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, denunciou a complicidade da Xunta de Galicia ao permitir o saqueo e espolio continuo por parte da empresa Villar Mir no río Xallas onde ten actualmente sete hidroeléctricas e o goberno galego acaba de autorizar a instalar tres mais. Antón Sánchez presentou hoxe unha pregunta na Comisión 7ª de agricultura, alimentación, gandería e montes, na que se pedía información sobre os supostos beneficios que compensen os fortes impactos ambientais negativos destes novos aproveitamentos.

O deputado de AGE considerou cando menos salientable o feito de que o único que se está a beneficiar dos recursos do río Xallas é Villar Mir, empresa que aparece como doante nos supostos papeis de Bárcenas, ex tesorero do PP, no que se rexistra unha suposta contabilidade B do partido. Antón Sánchez referiuse durante a comisión a esta cuestión preguntando se ten algo que ver coa permisividade que se está a ter con esta empresa que está a chuchar o río Xallas.

Outro dos aspectos destacados polo deputado de AGE na súa intervención na comisión centróuse no destino real dos millonarios beneficios que esta empresa está a ter con estas explotacións hidroeléctricas que van a parar a outras partes do Estado como á construción de edificios en Madrid ou fábricas de aleación no extranxeiro que despois entran en competencia con Dumbría ou Cee. “Mentres os beneficios marchan fora do noso país, en Galicia só quedan os impactos ambientais” lamentou Antón Sánchez.

Por todo isto, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda ven de presentar unha proposición non de lei para anular o plan sectorial que da luz verde a estes tres novos aproveitamentos hidroeléctricos que aprobou a Xunta de Galicia no río Xallas.

 

Relacionados