Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Antón Sánchez, vén de rexistrar no Parlamento de Galicia preguntas ao Goberno do PP sobre a organización de touradas –espectáculos de maltrato animal- con cartos públicos. En concreto, AGE centra a súa iniciativa en Sarria, onde o concello aparece como patrocinador de espectáculos de maltrato animal programados para o vindeiro 23 de xuño. “Na comarca de Sarria, as touradas non son unha demanda nin moito menos unha necesidade”, sinala Alternativa na argumentación das preguntas parlamentarias, “e iso confírmano os datos de asistencia o pasado ano”. O grupo parlamentario presentou as súas cuestións logo de se reunir con membros da plataforma Sarria Libre de Touradas, da que a propia AGE fai parte.
Para Ramón Vázquez, a axilidade coa que o Concello de Sarria decide sufragar as corridas de touros contrasta coa situación socioeconómica do lugar, onde o desemprego afecta a 1.934 persoas e o centro de saúde da parroquia de Oural pechou coa escusa de “optimizar recursos”. “A organización de touradas implica un maltrato animal inaceptábel nunha sociedade que se dá en chamar civilizada”, engade Vázquez, “é un desbaldimento de recursos públicos indigno e instala descontextualizadamente festexos alleos ás tradicións populares do noso país”. Alternativa preguntará á Xunta se considera apropiada a organización de touradas con cartos públicos, se coñece canto das transferencias económicos ao consistorio sarriao se gasta nas corridas do San Xoán deste ano e se pensa continuar permitindo que os cartos de todas as galegas e galegos se destinen a pagar espectáculos de maltrato animal.
Deputados de AGE asistirán o vindeiro domingo 23 de xuño á manifestación de Sarria Libre de Touradas na vila luguesa.