Seguridade viaria nos colexios

Nas proximidades dos colexios e IES que se atopan preto de vías de alta densidade de tránsito adoitan incumprirse os límites de velocidade. Os saltos dos semáforos en laranxa e incluso en vermello é algo habitual, incluídos os propios autobuses urbanos, feito que subliñamos ao ser un dos comentarios reiterados con maior insistencia, o que por outra banda é de coñecemento público. Ademais, compre destacar a escaseza de efectivos da policía local para aumentar a protección sobre todo nos quince minutos previos e posteriores ás horas de entrada e saída dos centros.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno local en lugar de poñerse a traballar en solucións rápidas e pragmáticas dedícase a prometer grandes proxectos que se demoraran no tempo no hipotético caso de que se cheguen a desenvolver. Basta con recordemos as verbas do concelleiro Flores en outubro de 2012 asegurando que a Xunta Local de Seguridade impulsaría unha Comisión Técnica encargada de elaborar o primeiro Plan Local de Seguridade Viaria antes de final de ano, pero tan só un mes despois mudou de versión, engadindo que sería EMALCASA a que se encargaría de subcontratar un estudio chamado agora “Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)”, dentro do marco do proxecto Smart City, estudo que non estará realmente dispoñible até o ano 2014, o que imposibilita a súa execución nesta lexislatura.

Diante da alarmante falta de pragmatismo deste goberno municipal, Esquerda Unida propón un paquete de medidas para incrementar a seguridade viaria nos centros escolares, un conxunto de medidas sinxelas, de baixo custe, fácil desenvolvemento e inmediata aplicación que comeza cun análise de riscos en cada centro escolar no que participe, ademais dos técnicos municipais dos servizos de mobilidade e urbanismo, o consello escolar de cada centro e a asociación de veciños do barrio, que permita definir as actuacións básicas necesarias para incrementar a seguridade viaria, algunhas destas medidas poden ser:

– Barreiras sonoras na vía en ambos sentidos, antes dos pasos de peóns que se deben elevar uns 10-15 cm de altura con rampas, para que os coches teñan que reducir obrigatoriamente para evitar danar as amortiguacións.

– Limitar a 30 kms hora a velocidade no entorno dos colexios e IES indicalo con sinais luminosas fotovoltaicas, así como declarar estas zonas como de prioridade peonil.

– Aumentar a iluminación e retirar os obxectos que reduzan a visibilidade.

– Esixir a compañía de tranvías a que reorganice as liñas de autobuses, para evitar que os condutores sobrepasen a velocidade máxima por mor de cumprir unhas frecuencias excesivamente axustadas en tempo. É inadmisible que os autobuses urbanos sexan uns dos máximos infractores de velocidade coa permisividade do Concello: cantas multas houbo en Tranvías?

– Aumentar a presenza da policía local para disuadir e, de ser o caso, multar aos infractores.

Este conxunto de medidas cumpre as recomendacións do estudio “Prioridades en España na seguridade dos peóns: nenos, adultos y maiores 2005-2010” da FUNDACIÓN MAPFRE, subliña que os principais afectados polos atropelos son os menores de 14 anos e os maiores de 65, figurando o horario escolar, a velocidade inadecuada e a circulación en cidade entre as principais circunstancias destes, en gran medida evitables, siniestros. Como se pode deducir, os tres factores danse no entorno das zonas escolares urbanas, sen prexuízo do fomento da educación viaria imprescindible nas aulas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indico que “as medidas que propoñemos as poden desenvolver os propios servizos municipais e non son caras, mais non levalas a cabo si que podería saír moi caro, porque coa seguridade dos nosos rapaces non se xoga”.

Relacionados