Semana europea da mobilidade

Na Semana Europea da Mobilidade, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reclama unha vez máis un compromiso serio respecto da execución do Plan de Mobilidade Urbana Sostible logo que de que o goberno local se negase a facelo en sede plenaria diante da moción presentada por EU e de que o PP contratara por preto de medio millón de euros o deseño do plan a UTE Eptisa-Ineco.

Unha cidade coma A Coruña merece e precisa dunha aposta seria que vaia máis aló da contratación tardía dunha empresa para facer 3 paseos en bici e a pé, ou a regalar camisetas ao longo da Semana Europea da Mobilidade.

Do que non cabe dúbida é que a nosa cidade necesita realizar un cambio profundo en materia de mobilidade para dar resposta ao caos de tráfico existente. Dende EU-Os verdes imaxinamos rúas que deberán estar feitas para seren gastadas de tanto pasealas, con acesos axeitados e con árbores por todas partes, non rúas feitas para que o goberno municipal de quenda as cambie cada dous anos por motivos alleos ao interese xeral.

Esquerda Unida solicita ao concello melloras para os peóns, seguridade para os ciclousuarios, así como transporte público ben estruturado e asequible á cidadanía. O incremento de ciclousuarios ten que correr paralelo ao fomento e ás melloras das condicións para a súa seguridade. Xa que o de facer carrís-bici non é o forte do concello, urdimos a aposte pola concienciación dos automobilistas para que respecten os espazos de seguridade (onde vai ese metro e medio??), e que as motos non invadan os aparcadoiros apra bicis, moi escasos na cidade.

Asemade resulta fundamental fomentar un transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del, sen que isto implique seguir a lle outorgar beneficios á empresa concesionaria.

O voceiro de EU-V, César Santiso simpatiza coas propostas da Plataforma pola Mobilidade, dado que é consciente de que as súas demandas “están a buscar a mellora da estrutura urbana da cidade”. Así participará, durante este venres e sábado, nas actividades que desenvolverá a Plataforma con motivo da Semana Europoea da Mobilidade e que supoñen un compromiso pola cidade que xa lle gustaría ter á concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá”.

Relacionados