O secretario de organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, califica a sentenza como un auténtico “corta e pega” da prensa de dereitas do estado español en canto a calificar de grupo terrorista a RG e considera desproporcionada a condena dos catro rapaces. Esquerda Unida considera que o auto debulla un delirante entramado no que se identifica de xeito torticeiro a organizacións lexítimas da expresión política do independentismo galego con aparatos de soporte de actividades terroristas.
Esquerda Unida lembra que o terrorismo realmente existente no noso país é o de extrema dereita, envalentonada coa permisividade das autoridades, xa que varias sedes de IU teñen sufrido ataques nestes meses e o propio asalto do 11 de setembro na sede da Generalitat amosan que cada día son máis graves os atentados da extrema dereita no estado español.
Esquerda Unida denuncia que baixo esta sentenza está a intencionalidade de criminalizar calquera acción de protesta social no país. Esta sentenza introduce de forma artificiosa unha imaxe de terrorismo que a sociedade galega non percibe pero que é alentada polo xogo da caverna mediática da dereita.
Lembra o caso da acción de oposición dos veciños e veciñas de Cabral na asemblea de comuneiros que trataba a construcción dun macrocentro comercial onde dende o goberno autonómico non se tardou nada en identificar a algúns veciños e veciñas como presuntos membros de Resistencia Galega.
Esquerda Unida manifesta a súa solidariedade cos mozos e moza condenados así coma coas súas familias e amigos.