Sentenza sobre o reparto eólico

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que o desenvolvemento das enerxías renovables, entre elas a eólica, é fundamental, xunto a outras medidas de cara ao aforro de enerxía, para acadar un modelo enerxético ambientalmente sustentable. O cambio do modelo enerxético é fundamental na loita contra o cambio climático e para diminuír a dependencia dos combustibles fósiles, polo tanto é unha cuestión fundamental que atinxe ao dominio público. Pola contra, a proliferación no territorio galego de parques eólicos en mans de empresas privadas non supuxo practicamente ningún beneficio para a poboación galega e mesmo se levou a cabo sen ter en conta os impactos medioambientais.

Yolanda Díaz coordinadora nacional e candidata á Xunta de Galicia esixe que “o Partido Popular ten que explicar canto lle vai a custar á cidadanía galega as súas políticas”. A sentenza do TSXG, considera ilegal a suspensión do procedemento para o outorgamento de autorizacións de instalacións de Parques Eólicos tramitado ao amparo do Decreto 242/07 de 13 de decembro. Unha das consecuencias desta resolución a instancias da decisión do goberno de Feijóo no seu momento, é o elevado custe -xa que as empresas prexudicadas neste proceso de adxudicación eólica teñen dereito a reclamar as indemnizacións correspondentes-, que a cidadanía galega vai ter que asumir pola mala xestión e decisión do goberno do PP.

Esquerda Unida defende a propiedade e xestión pública da enerxía por ser un sector estratéxico. O actual modo de produción e consumo enerxético é insostible tal e como demostran o quecemento global, a acidificación dos mares e o cénit do petróleo. Baixo a lóxica do sistema capitalista, se deixa o sector enerxético nas mans do mercado sen ter en conta as repercusións medio ambientais e sociais, condicionado sempre a que as grandes empresas enerxéticas poidan seguir acumulando beneficios.

Para Esquerda Unida, é fundamental a creación dun novo plan eólico cuxos principios reitores sexan a eficacia, a protección do entorno, a descentralización e a propiedade pública, de xeito que o seu desenrolo non estea suxeito a intereses privados, se non ao ben público e ambiental.

Polo tanto, Esquerda Unida pulará pola creación en Galicia dunha empresa pública adicada á promoción e investigación das enerxías renovables e pola xestión pública do sector enerxético.

 

Relacionados