Consideramos necesario que o Concello cumpra coa súa obriga e leve a cabo iniciativas de apoio para persoas sen fogar que na actualidade se ven obrigadas a pasar a noite no espazo público, en construcións que non cumpren criterios de habitabilidade ou que non están destinadas á vivenda, ou a aloxarse en vivendas de persoas achegadas ou familiares. Así, hai persoas que temporalmente dispoñen dun teito, pero non dunhas relacións sociais, laborais e familiares que, en xeral, se asocian á inclusión social; o concepto de persoa sen fogar, a diferenza doutras denominacións como “sen teito” ou “sen vivenda”, non só implica a carencia dunha vivenda que cumpra cuns criterios mínimos de habitabilidade, senón que tamén alude á ausencia de relación sociais e familiares sólidas e do resto de atributos asociados ó concepto de fogar.
Por iso, dende o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela, propoñemos a creación dun servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar, dirixido a persoas en situación de alta exclusión, sen fogar e con alta vulnerabilidade social. Debe integrar un conxunto de servizos destinados non só a ofrecerlles un aloxamento puntual, senón tamén a favorecer a inserción social das persoas usuarias, ofrecendo unha atención integral e individualizada.
Os poderes públicos deben asumir a súa responsabilidade competencial e a titularidade e xestión pública deste servizo. Actualmente, o Concello vulnera os dereitos das persoas e colectivos que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, ao non coordinar unha abordaxe integral da exclusión social coas entidades sociais da cidade, que levan a cabo accións asistenciais puntuais e baseadas na súa propia voluntariedade.
O servizo proposto debería contar, entre outras medidas, cunha unidade convivencial de curta estadía, recurso para persoas que se atopan en itinerancia, en moitos casos dende hai anos; neste programa, debido á curta estadía, as actuacións coas persoas limítanse a ofrecerlles aloxamento, comida, hixiene e roupa.
O servizo municipal debe completarse cunha unidade convivencial de media estancia, dirixida a persoas en proceso de inserción social e tamén a grupos familiares, preferentemente con menores ao seu cargo, que circunstancialmente carezan de vivenda e medios económicos; suporían estadías a medio prazo, de seis meses prorrogables por un máximo doutros seis.
No caso de persoas en proceso de inserción social, proponse que a intervención se leve a cabo en dúas fases, unha primeira de chegada, acollida, motivación para o cambio e baixo nivel de esixencia; na segunda fase se realizan actividades encamiñadas a superar á súa situación de exclusión social, a través dun itinerario de inserción personalizado.
No caso de unidades familiares, este equipamento posibilitaría atende-la necesidade de aloxamento en condicións de intimidade e sen separar ó grupo familiar e, no seu caso, desenrolando itinerarios de inserción social e favorecendo procesos educativos para potenciar a autonomía para a convivencia persoal e familiar.
Este servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar debería contar tamén cunha Casa aberta // Centro de día, destinado a persoas sen fogar que levan vivindo moito tempo na rúa e que padecen un grave proceso de deterioro físico e psicosocial, que fan inviable un proceso de inserción. Tanto as normas como o horario e o período de estancia deben adaptarse con flexibilidade ás características das persoas usuarias. Preténdese que poidan manter uns mínimos de calidade de vida, paliar o proceso de deterioro, reducir danos e riscos para a súa integridade.
Por suposto este proxecto debe contar tamén con traballo de rúa, levándose a cabo en toda a cidade, a través do acompañamento social, sanitario ou o que se considere oportuno a persoas sen fogar que non acceden a outros programas ou deixan de utilizalos, que se atopan en situación de dificultade severa para acceder ós circuítos de atención social.
Para que este necesario proxecto, de titularidade e xestión pública, sexa eficiente e de calidade, é necesario que o Concello acometa o pertinente debate coas entidades e colectivos sociais interesados en colaborar para acadar un servizo que satisfaga as demandas da cidadanía.
Por todo isto o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Crear, tralo pertinente debate e colaboración coas entidades e colectivos sociais da cidade, o Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar